Organizan unha gala benéfica para recadar fondos que custeen o tratamento de Gustavo Dacal en México
Por Redacción
Asociacións e colectivos veciñais de Ponte Caldelas puxéronse ao choio para organizar unha gala benéfica que axude a recadar fondos para custear o tratamento de Gustavo Dacal no hospital de Veracruz, México, no que se atopa ingresado.
O ex-atleta superou nas últimas semanas ata catro intervencións cirúrxicas, tras contaxiarse de dengue pola picadura dun mosquito e complicarse a infección derivando nunha espondilodiscitis, unha infección no corpo vertebral que lle afectou á mobilidade das súas pernas.
A situación de Dacal segue sendo complicada a nivel médico pero tamén económico. Segundo explicou a irmá do deportista, Ángeles Dacal, nunha reunión con colectivos de Ponte Caldelas, as operacións realizáronse nun hospital privado ao carecer de seguro médico xa que o traballo que levaba case unha década realizando como adestrador en México estaba rexistrado como bolsa, sen cobertura social.
En canto á posibilidade de regresar a España os médicos aconsellan, de momento, que non se afronte ningún tipo de desprazamento, tampouco para cambiar de hospital.
Así o explicou Ángeles Dacal nunha reunión na que participaron a Asociación de Veciños de Xustáns; a Asociación de Veciños Chan da Rotea de Baltar; Asociación de Veciños da Insua; Asociación de Veciños de Forzáns; Mulleres Rurais do Verdugo; Comunidade de Montes de Cuñas; Cáritas de Ponte Caldelas; Mulleres Rurais de Taboadelo; Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns; Sociedade Cultural Deportiva Pontecaldelas e a Asociación de Mulleres de Xustáns.
No que respecta a a gala benéfica, está previsto que se celebre o vindeiro venres 27 de xaneiro no salón de actos do colexio Manuel Cordo Boullosa. Os colectivos traballan xa en programar unha serie de actuacións que terán como pano de fondo o carácter solidario e deportivo para axudar o seu veciño Gustavo Dacal nos duros momentos que atravesa.
Relacionadas:
-
Gustavo Dacal seguirá coa súa rehabilitación na Coruña
Por Redacción |
-
A gala solidaria "Todos con Gustavo Dacal" celebrarase o venres 27 de xaneiro en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Xornada solidaria de atletismo en favor de Gustavo Dacal
Por Redacción |
-
Gustavo Dacal: "Estou ben dentro das circunstancias. Nunca vou poder pagarvos todo o que estades a facer por min"
Por Diego Espiño |
-
Gustavo Dacal supera unha "operación decisiva" en México, onde permanece hospitalizado
Por Diego Espiño |
-
O ex-atleta Gustavo Dacal, hospitalizado en estado grave en México tras contaxiarse de dengue
Por Diego Espiño | Creada e actualizada