Laura Mira e Samuel González proclámanse campións autonómicos de ciclocrós en Poio
Por Redacción
Este domingo na localidade de Poio o Campionato Galego de Ciclocrós pechou o pano tras unha temporada histórica na que, en tan só tres meses, se celebraron cinco eventos internacionais e trece xornadas da Copa Galicia.
A localidade pontevedresa foi a elixida para disputar as últimas batallas polas coroas ás que optaron os ciclistas de quince categorías diferentes e que estiveron marcadas pola intensidade e cantidade de auga que caeu e que garantiu moita lama e un auténtico espectáculo durante todo o trazado de 3 quilómetros na Seca nos que os 250 participantes tiveron que superar obstáculos en cada volta e diversas zonas de area.
Os grandes favoritos Laura Mira (sub23 do Supermercados Froiz) e Samuel González (elite Máis Que Bicis) encabezaron a nómina de quince gañadores nos que tan só tres repetiron título respecto ao ano anterior.
González engadiu con este triunfo o título que se lle resistía, anotándose case a metade das xornadas para proclamarse por primeira vez Campión de Galicia na categoría elite. O seu triunfo absoluto en Poio asinouno cun rexistro de 53 minutos e 40 segundos, avantaxando en 54" a Ricardo Buba (High Level), que subiu ao máis alto do podio na categoría sub23. A liña de meta cruzouna en terceira posición o sub23 Anxo Carril (Coruxo), a 1'33" do gañador, penalizado por un contratempo mecánico que sufriu na última volta.
Pola súa banda, todos os grupos de idade femininos compartiron manga, repartíndose en total sete camisolas de campioas de Galicia. Laura Mira era a roda a seguir na carreira Elite-Sub23-Júnior tras dominar as dúas últimas xornadas da Copa e confirmou en Poio o seu bo momento de forma. Cun tempo de 43'24" conquistou a vitoria absoluta e o título sub23 no ano do seu debut na categoría dobregando, tras emplearse a fondo, cunha renda de 37" á nova campioa júnior Sarela Conde (Academia Postal-Maceda), que nos últimos metros viu ameazada a segunda posición pola insistencia da sub23 Sofía Álvarez (Cambre).
María Jesús Barros (Team Oiense), cuarta a 56" de Laura Mira, levouse o campionato elite por diante de Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), a quen bateu por 33". As catro corredoras que remataron a continuación das cinco primeiras tamén obtiveron medalla: Marta Estévez (XSM) concluíu sexta e segunda júnior, Vania Gregores (Lynalfa-Ponteareas) sétima e terceira júnior, Eva Ortega (Extol) oitava e terceira elite, e Carmen Mallo (Farto) novena e terceira sub23.
En canto ás masters, a campioa estatal Marina González (Illas Cíes) revalidou o título autonómico e estivo acompañada por Jana Buba (Coruxo) e a local Andrea Pousada (Poio Bike Club), segunda e terceira respectivamente. Iria Nieto (Compostelano) venceu nas máster-30 e Isabel Castro (Condado Bike) fixo o propio nas máster-50.
A sétima coroa feminina recaeu na cadete Lorena Patiño (XSM), a gañadora esta campaña da xeral e de todas as probas da Copa de España. Iris Fernández (Academia Postal-Maceda), segunda, e Alejandra Neira (Cambre), terceira, colgáronse os outros metais.
Por último, no resto de carreiras masculinas os gañadores foron: Néstor Frías (Academia Postal-Maceda) na cadete, Andrés Calvete (Monte Xalo) nos máster-40, Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60, Miguel Porto (Ponteareas) nos máster-30, mentres que nos máster-50 a vitoria foi para José Manuel Gómez (Xesteiras).
A entrega de premios realizouse no interior do Polideportivo Municipal coa presenza de Gregorio Agís, concelleiro e deputado provincial; de Francisco Albar, máximo responsable do Poio Bike Club; de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; de Óscar Sánchez, directivo da FCG; e de David Carrilo, secretario da FCG. Ademais, a concelleira Marga Caldas recibiu unha camisola de campioa de Galicia por parte da Federación Ciclismo Galego (FGC) como agradecemento ao seu apoio a este deporte.
O próximo reto do ciclocrós galego chegará dende o próximo venres e ata o domingo no Campionato de España que se celebrará na localidade barcelonesa de Vic.
Relacionadas:
-
Pistoletazo de saída á tempada de ciclocrós do Poio Bike Club coa Copa de España en Xixón
Por Redacción |
-
Uxía Soto, María Filgueiras e Gonzalo Inguanzo, convocados para o Campionato do Mundo de Ciclocrós
Por Redacción |
-
Dous corredores do Froiz, entre os vinte mellores da Copa do Mundo de Benidorm
Por Redacción |
-
Cinco medallas para Froiz e XSM no Campionato de España de Ciclocrós
Por Almu Dapena |
-
O Campionato Galego de Ciclocrós reunirá en Poio a máis de 300 deportistas
Por Redacción |
-
Laura Mira e Marta Estévez poñen a guinda á Copa Galicia de Ciclocrós para o Froiz
Por Redacción |
-
Boa actuación do Froiz e XSM na Copa de España de Ciclocrós
Por Redacción |