As difíciles contas do Pontevedra para seguir con vida na Primeira RFEF
Por Diego Espiño
Tres xornadas restan para o final da liga na Primeira RFEF e o Pontevedra Club de Fútbol está contra as cordas, afundido na zona de descenso a 6 puntos da salvación con só 9 puntos máis en xogo.
Os granates xa non poden permitirse máis erros, e mesmo facendo pleno e gañando os seus tres encontros poida que non lles chegue. Pero son moitos os equipos implicados na pelexa e por tanto múltiples as combinacións, xa que os pontevedreses aínda poden mesmo alcanzar o décimo clasificado, un Algeciras que está a 9 puntos pero ao que lle teñen gañado o diferencial particular de goles. Non ocorre o mesmo con Rayo Majadahonda e San Fernando, tamén a esa distancia pero que sairían vencedores en caso de empate a puntos. Máis abaixo, desde o décimo terceiro posto, todo pode suceder vendo ademais o calendario que lle espera a cada un dos equipos en problemas.
É un fío moi fino ao que agarrarse, pero os de Pasarón queren facelo mentres as matemáticas non digan o contrario, sabendo que calquera tropezo pode supoñer xa a certificación oficial do descenso. Pode chegar a pasar esta mesma xornada se non conseguen gañar a Unionistas (sábado, 19.00 horas en Pasarón) e o Badajoz, rival que marca a zona de salvación, puntúa na Malata. Nese caso daría igual que fai o Ceuta, o segundo equipo con 40 puntos situado na barreira pola permanencia, debido a que ten o diferencial particular ao seu favor.
Iso si, no caso de gañar a Unionistas, o Pontevedra seguiría con vida polo menos unha semana máis pase o que pase, tendo ademais que visitar a seguinte xornada a un rival directísimo como o Badajoz. Nese encontro sería ademais vital recuperar o average que agora mesmo está perdido pola derrota 1-2 en Pasarón da primeira volta do campionato.
Só co 6 de 6 poderíase chegar con opcións á última xornada, na que visitará Pasarón o Real Club Deportivo.
Con 5 prazas de descenso e a clasificación tremendamente apertada, son aínda 11 os equipos en perigo de descenso. Deles 9 están ao alcance dos granates, que deberían deixar a cinco detrás deles. Pero, que queda por afrontar a cada un dos equipos aos que podería superar o Pontevedra?. O calendario depara duelos directos para varios deles e tamén complicados calendarios para outros, polo que ningún equipo está aínda a salvo.
Este é o camiño que lles espera:
- 10º. Algeciras, 43 puntos: Celta B (Casa), RC Deportivo (Fóra), Castilla (Casa).
- 13º. Cultural Leonesa, 42 puntos: Castilla (C), Unionistas (F), Talavera (C).
- 14º. AD Ceuta, 40 puntos: Talavera (C), Celta B (F), Linense (C).
- 15º. CD Badajoz, 40 puntos: Racing Ferrol (F), Pontevedra (C), Córdoba (F).
- 16º. Fuenlabrada, 39 puntos: Linense (C), Castilla (F), Unionistas (C).
- 17º. UD Sanse, 39 puntos: Rayo Majadahonda (F), Linares (C), Alcorcón (F).
- 18º. RB Linense, 38 puntos: Fuenlabrada (C), Rayo Majadahonda (F), Ceuta (C).
- 19º. Pontevedra CF, 34 puntos: Unionistas (C), Badajoz (F), RC Deportivo (C).
- 20º. CF Talavera, 33 puntos: Ceuta (F), Racing Ferrol (C), Cultural Leonesa (F).
Relacionadas:
-
O Pontevedra asómase ao precipicio de Segunda RFEF tras empatar ante Unionistas (1-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra publica o prezo das entradas para o último partido de liga fronte ao Deportivo: a máis barata, a 20 euros
Por Diego Espiño |
-
Señor pide aos seus xogadores mellorar o "sacrificio solidario e defensivo" do equipo para agarrarse ás súas últimas opcións
Por Diego Espiño |
-
Pasarón renderá tributo a Cristian Fernández polo seu título no Mundial de Acuatlón
Por Redacción |
-
Prezos baixo mínimos e tres invitacións por socio para a visita de Unionistas a Pasarón
Por Redacción |
-
Lupe Murillo devolve o custo das entradas aos afeccionados desprazados a Talavera
Por Diego Espiño |
-
O peor Pontevedra a domicilio dos últimos 42 anos
Por Diego Espiño |
-
Gonzalo Bueno, un sorprendente debut co Pontevedra en Talavera
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra B certifica o seu ascenso a Terceira RFEF
Por Diego Espiño |
-
Señor admite que "la cosa se pone muy complicada" pero non dá ao Pontevedra por descendido "mientras matemáticamente no esté"
Por Oskar Viéitez |
-
Un Pontevedra sen ambición naufraga en Talavera e deixa escapar o tren da permanencia (4-2)
Por Diego Espiño |