A pista polideportiva de Verducido xa leva o nome de Luís Manuel Sobrado González
Por Redacción
Os veciños e veciñas da parroquia de Verducido, na Lama, homenaxearon a Luís Manuel Sobrado González 'Luisito', co descubrimento dunha placa no polideportivo municipal que levará o seu nome e coa disputa dun campionato de futbito.
Luisito, falecido nun accidente de moto en Vilagaría no ano 2018, foi "una persoa comprometida coa práctica do deporte, co progreso social dos seus veciños e co municipio da Lama", indicou o alcalde David Carrera durante o acto.
Tamén estiveron a presidenta da Asociación de Veciños de Verducido, Geni Ramallo; o concelleiro da parroquia, Plácido Pillado; así como a nai do homenaxeado, Rosa María González; o seu pai, Luis Sobrado; a súa viúva, Raquel Prol, o seu irmán, Diego Sobrado e o seu fillo Carlos Sobrado Prol.
Geni Ramallo, pola súa banda, dedicou unhas palabras en recordo do falecido lembrando "o cariño que lle profesaba non so a súa familia senón toda a veciñanza coa que mantiña uns profundos vencellos de unión e colaboración".
Para rematar o acto, a familia descubriu a placa conmemorativa da homenaxe e que lle dá nome ás instalacións deportivas municipais. Tamén entregaron á nai de 'Luisito', Rosa María González, e á súa viúva, Raquel Prol, senllos ramos de flores.
Finalmente, o seu fillo Carlos Sobrado Prol, acompañado polo seu tío Diego Sobrado e varios membros da organización do torneo de futbito, realizou o saque de honra desde o centro da pista polideportiva entre os aplausos do numeroso público presente que asistiu tamén ao desplegue dunha pancarta con varias imaxes que recollían parte da vida familiar e social do falecido.