Tres novos metais mundialistas para España da man dos padeeiros pontevedreses
Por Almu Dapena
O piragüismo pontevedrés segue dando alegrías no Mundial sub23 que se está disputando na cidade italiana de Auronzo de Cadore. Cun ouro e dúas pratas, a armada pontevedresa sumou durante a xornada do sábado tres novos metais para a delegación española e clasifica a catro dos seus padeeiros para as finais da xornada do domingo.
Na final do C2-500 sub 23, Joan Moreno e Diego Domínguez, foron os mellores tras realizar unha carreira para enmarcar e cruzar a liña de meta nun tempo de 1:41.45 que valeu unha medalla de ouro. O podio completárono os polacos Kacper Sieradzan e Adrian Klos, que foron segundos (+0.98), e os húngaros Kristof Kollar e David Hodovan, que chegaron terceiros (+1.93 ).
Pola súa banda, o equipo formado por Claudia Couto, Antía Otero, María Moreno e Valeria Oliveira fixéronse co metal de prata no C4 500 metros Sub-23 tras completar a distancia nun crono de 1:49.27, a tan só +0.61 das chinesas (1:48.65). Terceiras foron as húngaras (+2.92).
A última medalla do día chegou da man dos júnior do C4 500 metros. Nicolás Braña, do Club Poio Piragüismo, xunto a Ibai Tolosa, Daniel Ros e Juan Ruiz colgáronse a presea de prata ao finalizar a carreira nun tempo de 1:37.17, a +2.80 dos húngaros. O terceiro posto do podio foi para os ucraínos (+3.31).
Ás portas do podio quedou o cuarteto composto por Diego Domínguez, Jaime Duro, Joan Moreno e Daniel Grijalba en C4 500 metros. Os españois foron cuartos cun tempo de 1:34.84, a +2.69 dos húngaros, que foron primeiros. Segundos cruzaron a liña de meta os polacos e terceiros os ucraínos.
O domingo poñerán o broche de ouro para o piragüismo pontevedrés o padeeiro Jaime Duro, que buscará coroarse na final do C1-5000 metros; Claudia Couto, no C-1 200 metros; Manuel Fontán, en C1-500 metros, e Martín Jácome e Elena Millán, en C2 500 metros.
Relacionadas:
-
Claudia Couto, ouro europeo Sub-23 nunha xornada con pratas para Antía Otero, Martín Jácome e Manuel Fontán
Por Diego Espiño |
-
Adrián Sieiro consegue o ouro e o pase para o mundial na apertura do Campionato de España de Piragüismo Sprint
Por Manu Otero |
-
David Pazos proclámase campión de Europa e Tono Campos obtén o bronce
Por Redacción |
-
David Pazos, primeiro ouro pontevedrés no Europeo de piragüismo maratón en Croacia
Por Redacción |
-
Claudia Couto, Jaime Duro e Martín Jácome pechan o Mundial de piragüismo con dous ouros e un bronce
Por Almu Dapena |
-
O piragüismo pontevedrés achega as primeiras medallas para a delegación española no mundial de Italia
Por Manu Otero |
-
O piragüismo pontevedrés marca territorio no arranque do mundial sub 23 de Auronzo, en Italia
Por Manu Otero |
-
Antía Jácome e Pablo Graña, campións de Europa en C-2 200 mixto
Por Almu Dapena |