Magín Froiz, Cholo ou Nélida Piñón: 2022, un ano de despedidas
Por Diego Espiño
O 2022 foi un ano de despedidas en Pontevedra, que dixo adeus a grandes mitos e personalidades da cidade.
O mes de marzo foi especialmente tráxico neste sentido, empezando polo falecemento a principios de marzo de Magín Froiz, aos 78 anos de idade.
O propietario e fundador do grupo Distribucións Froiz, natural de Huesca pero afincado desde mozo na comarca, levantou un grupo empresarial que conta actualmente con máis de 300 establecementos e 6.000 persoas empregadas.
Froiz recibiu no ano 2017 a Medalla ao Mérito ao Traballo por parte do Goberno de España, e tras a súa morte foron moitas as homenaxes, desde o seu nomeamento como fillo adoptivo de Poio ao tributo do mundo do ciclismo, ao que apoiou durante tantos anos patrocinando ao seu propio equipo e a diversos eventos deportivos, cun sentido recordo por exemplo no paso da Volta Galicia, facendo o pelotón parada xunto á sede da empresa en Lourido para gardar un emotivo minuto de silencio.
Tamén no terceiro mes do ano, a finais de marzo, o Pontevedra Club de Fútbol do 'Hai que Roelo' dicía adeus ao seu maior mito, ao gran capitán e presidente de honra da entidade Eduardo Dapena Lis 'Cholo', aos 88 anos de idade.
Como xogador Cholo defendeu a elástica granate en 300 partidos de liga desde a súa chegada aínda co equipo en Terceira División, 128 deles na máxima categoría coincidindo cos mellores anos na historia do Pontevedra, calando no recordo dos afeccionados pola súa humildade e o seu exemplo tanto dentro como fose do campo compaxinando o seu papel como deportista de elite coa profesión de condutor de trolebús.
Parte das súas cinzas resposan para sempre na súa segunda casa, o Estadio Municipal de Pasarón.
Pero o pesar no Pontevedra Club de Fútbol non quedou só co seu capitán, e é que a entidade granate tívose que despedir, xa en outubro, do único xogador que chegou a ser internacional absoluto con España vestindo a súa camiseta, toda unha lenda como Nemesio Martín Montejo 'Neme'.
Estas tres non foron as últimas perdas que se sentiron en Pontevedra e en toda a súa área metropolitana.
A finais de novembro falecía a catedrática Inmaculada Paz Andrade, toda unha referencia no campo da física aplicada e a primeira investigadora recoñecida coa medalla de ouro da Real Sociedade Española de Física.
Meses antes, en xullo, Barro perdía o seu primeiro alcalde da época democrática, Manuel Pereira; o mesmo que pasara en maio con Meis, ao falecer o exalcalde Jorge Casal.
O Liceo Casino, pola súa parte, vestía de luto en dúas ocasións para despedir a dous dos seus referentes: o seu ex presidente, José Ángel Fernández Arruti; e o seu ex contador, Ángel Caruncho, quen ademais era secretario da Peña da Boina.
E, nos últimos compases do año, a morte da escritora Nélida Piñón, todo un referente para Cerdedo-Cotobade, deixou orfos a moitos dos seus lectores.
Luciano Martínez Pérez, propietario do hotel Galicia Palace ou o histórico socialista Pedro Vila foron outros dos referentes da vida social de Pontevedra que nos arrebatou este 2022.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade chora a morte de Nélida Piñón
Por Redacción |
-
Falece a catedrática pontevedresa Inmaculada Paz Andrade, honoris causa pola Universidade de Vigo en 2018
Por Redacción |
-
Falece Neme, lenda do 'Hai que roelo' e único internacional español absoluto na historia do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Falece Manuel Pereira, o primeiro alcalde de Barro na democracia
Por Redacción |
-
Falece Jorge Casal, o primeiro alcalde que tivo Meis na democracia
Por Redacción |
-
O espírito de Cholo descansa para sempre no seu querido Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Falece José Ángel Fernández Arruti, expresidente do Liceo Casino
Por Ramiro Espiño | Creada e actualizada
-
Loito no Pontevedra CF: Falece Cholo, eterno capitán e símbolo do Hai que Roelo
Por Diego Espiño |
-
Falece Ángel Caruncho, excontador do Liceo Casino e secretario da Peña da Boina
Por Ramiro Espiño |
-
Emotivo minuto de silencio en recordo de Magín Froiz: "Era un ser con luz propia"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Falece Magín Froiz aos 78 anos
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño & Mónica Patxot | Creada e actualizada