Que facer cos nenos converteuse en toda unha obsesión para os pais debido ao estado de alarma decretado no país. Cos colexios pechados e a prohibición de saír de casa, hai que buscar ideas para entretelos e que soporten a situación o mellor posible.
E para iso, sen dúbida, unha proposta perfecta son os recursos educativos que diferentes entidades puxeron ao dispor dos cidadáns de maneira gratuíta a través de internet.
A máis rechamante, por novidosa, é a que propón o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que tivo que pechar as súas portas apenas seis despois da súa inauguración polo avance do coronavirus no noso país.
Este feito provocou que gran parte de actividades que, tras un ano de organización, quedasen pendentes e que centos de nenos e nenas, acompañados das súas familias ou dos seus compañeiros de clase, non puidesen visitalo.
As circunstancias, sinalan desde a organización, fan imposible a súa reapertura noutras datas, polo que optaron por unha modalidade virtual que permita facer máis levadío o peche. Así, gran parte da programación adaptará o seu formato á situación actual.
A falta de resposta doutras persoas contactadas, xa confirmaron a súa participación nesta iniciativa Tamara Andrés, Soledad Felloza, Polo Correo do Vento, Reviravolta, Pakolas, Pablo Díaz, Magia en la manga, Asociación Mater Lingua, María Faltri e Jorge Juncal, Leucoiña, Fantoches Baj, A xanela do maxín ou 7H cooperativa.
Todos eles adaptarán as súas propostas a este novo formato para que poidan ser difundidas a través das redes sociais ou da páxina web do Salón, desde a que nenos e nenas poderán gozar de contacontos, obradoiros ou visitas virtuais.
Con respecto aos espectáculos de maior formato que non poden ser adaptados, a organización do Salón está a valorar opcións para poder rescatalos dalgunha maneira.
KALANDRAKA E FESTIVAL ATLÁNTICA
Iniciativas similares adoptou, entre outros, a editorial pontevedresa Kalandraka. A través da súa canle de televisión, comezou a ofrecer contos narrados en vídeo. A primeira das propostas está protagonizada polo editor e escritor Xosé Ballesteros, que recupera a historia de O coelliño branco, un dos seus contos máis populares.
O Festival Atlántica, que se ía a celebrar en Pazos de Borbén, optou tamén por publicar a través das súas redes sociais unha colección de vídeos de contos gravados polos artistas que ían participar nesta edición.
Baixo a etiqueta #ocontononpara, o festival publicou xa os contos de Rubén Martínez (Venezuela), Luís Prego (Galicia), Sandra Araguas (Huesca) e Fernando Saldaña (Salamanca) e, en breve, iranse subindo os de artistas como Noelia Carioca (Salamanca), Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil), Carolina Rueda (Colombia) José Luis Gutiérrez "Guti" (Zamora) ou Sofía Maul (Portugal).
Tamén haberá historias de contadores galegos como Pablo Díaz, Raquel Queizás, Charo Pita, Celso Sanmartín, María da Pontragha, Cris de Caldas ou Dani Blanco.
A FAMILIA SACHOCONTO DE PONTEVEDRAVIVA RADIO
Ademais, PontevedraViva lembra que a través do seu radio online están dispoñibles, para a súa escoita a través de internet ou a súa descarga a calquera dispositivo, dos 66 contos emitidos no seu día, todos eles en galego, no programa A familia sachoconto.