Completábase o 90% da capacidade permitida, polas normas sanitarias, do espazo do Edificio Castelao no Museo de Pontevedra para asistir na tarde deste venres á presentación do libro en formato banda deseñada 'Regreso á Illa de San Simón'.
Trátase da primeira obra sobre memoria histórica que a Deputación de Pontevedra publica neste formato para chegar ao público xuvenil. Durante a presentación, a deputada María Ortega afirmou que está prevista xa unha próxima reedición ante a elevada demanda de exemplares que se detectou tanto no Servizo de Publicacións da Deputación como na escola do Garaxe Hermético nos últimos días.
A obra recolle diversas historias elaboradas por artistas que se formaron na escola que dirixe o ilustrador Kiko da Silva en Pontevedra. O propio autor gráfico é o coordinador deste proxecto que narra os feitos que se rexistraban na Illa de San Simón entre os anos 1936 e 1943. A illa, durante ese período, converteuse nun campo de presos por parte da ditadura.
As persoas que elaboraron as historias son: Miguel Rojo e Pablo Prado, Fernando Llor e Ana Pumares, Fonso Barreiro e Antonio Recuna, Eli García, Miriam Iglesias, Iago Fernández Falcón e Damián Gómez Figueras, Zaida Novoa, Mara Méndez, Fernando Llor e Olalla González, Lorena Nikoli, así como Fernando Iglesias 'Kohell' e Miguel Porto.
María Ortega indicaba tamén durante o acto que a idea é ofrecer un formato diferente e atractivo para chegar a un público ao que habitualmente non se destinan as obras relacionadas coa memoria histórica. A gran expectación xerada durante estas últimas xornadas demostra que hai interese por coñecer os feitos do pasado escuro na historia de Galicia e por reflexionar sobre o papel do público xuvenil para reivindicar "verdade, xustiza, reparación".
Kiko da Silva, na súa intervención, fixo un paralelismo coa novela gráfica 'Maus', de Art Spiegleman, publicada a finais do século XX, que supuxo unha revolución nestas obras ao tratar o holocausto e pasou de ser unha publicación "underground" a converterse nun best seller, que alcanzou o premio Pullitzer de xornalismo.
O ilustrador sinalou que unha das historias foi elaborada por Antonio Recuna, familiar do preso coñecido como 'O Reisiño', e destacou a importancia da postmemoria, que obriga a falar sobre a historia a través da investigación e da documentación histórica para que non se perda o relato dos feitos.
Zaida Novoa e Fonso Barreiro concluíron o acto explicando o proceso de creación da obra, que se acometeu en tempo récord cun alto nivel de calidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.