Rías Baixas Fest 2023 ofrece propostas de ocio espectaculares ata o 10 de setembro

Pontevedra
19 de xuño 2023

O Pazo provincial da Deputación acolleu este luns a presentación dos Rías Baixas Fest, a marca que reúne as sete grandes citas da provincia: Vive Nigrán, PortAmérica, Atlantic Fest, SinSal, SonRías Baixas, O Marisquiño e Revenidas

Presentación na Deputación do Rías Baixas Fest 2023 Mónica Patxot

Este luns presentábase no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra os Rías Baixas Fest 2023, a marca que une aos sete grandes eventos nos que participan artistas de talla internacional relacionados coa música, a gastronomía e o deporte: Vive Nigrán, PortAmérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, O Marisquiño e Revenidas.

Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo en funcións; representantes das promotoras e dos municipios onde se celebran estas citas; ademais da presidenta da Deputación en funcións, Carmela Silva, sinalaron na presentación que os festivais se iniciarán o 30 de xuño e finalizarán o 10 de setembro.

A cantante Zeltia foi a encargada de amenizar o acto. Xoán Quintáns, do festival Revenidas, destacou a "tremenda evolución" que experimentaron estes eventos desde que entraron na marca provincial en valores como a igualdade ou a sostenibilidade, adaptando carteis ata o punto de ser paritarios en moitas ocasións e de xestionar os residuos de maneira eficiente.

Nesta presentación destacouse a posta en valor do territorio, en contornas mariñeiras como Nigrán, Vigo, Vilagarcía, Vilaxoán e A Illa de San Simón do mesmo xeito que un elemento do patrimonio industrial e do Camiño de Santiago como sucede coa Azucreira de Portas, no festival PortAmérica.

O calendario iniciarase con Vive Nigrán, en Praia América entre o 30 de xuño e o 1 de xullo. Nese mes desenvolveranse outros tres festivais: o PortAmérica, na Azucreira de Portas, do 13 ao 15 de xullo; o Atlantic Fest, que se realizará na contorna da praia da Concha, en Vilagarcía entre o 20 e 23 de xullo; e o Sinsal Son Estrella Galicia, na Illa de San Simón, en Redondela, durante os días 21 e 23 de xullo.

Xa en agosto, o SonRías Baixas celebrarase en Bueu entre os días 3 e 5 coa conmemoración do 20 aniversario. Vigo volverá acoller unha nova edición de O Marisquiño entre o 10 e o 13 de agosto. 

Por último, entre o 7 e o 10 de setembro, o ciclo de Rías Baixas Fest deste ano concluirá coas sardiñas como protagonistas en Vilaxoán, no municipio de Vilagarcía de Arousa, co festival Revenidas.