A Xunta compromete medio millón de euros para unha "reforma integral" das pistas de atletismo do CGTD

Pontevedra
06 de novembro 2014

Está previsto que as obras se acometan o próximo verán, segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ás instalacións. A actuación xa licitada para adecuar a zona de lanzamentos comezará antes do final do presente ano

Visita de Alberto Núñez Feijóo ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva Mónica Patxot

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) contará cunha pista de atletismo totalmente renovada en 2016.

Aos preto de 70.000 euros anunciados e xa licitados para adecuar a zona de lanzamentos, a Xunta comprometeu agora 435.000 euros para unha reforma integral das instalacións atléticas co obxectivo de "correxir o desgaste e conseguir que sexa unha pista de atletismo nova".

Así o anunciou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, tras visitar na tarde deste xoves o centro, ao que cualificou de "motor do olimpismo galego".

Feijóo asegurou que "apoiar os nosos deportistas de elite significa que adestren nas mellores condicións", polo que se comprometeu a licitar esta actuación na próxima primavera para poder acometer as obras durante o verán.

Segundo explicou o presidente da Xunta "non podiamos permitir que nunha pista destas características houbera lesións e problemas", en relación ao seu actual estado que impedía realizar competicións homologadas.

Os traballos consistirán na retirada do actual tartán, o pulido e nivelado da superficie e a colocación dun novo tapete.

En relación á primeira fase, os 70.000 euros destinados aos aneis de lanzamentos e saltos, as obras comezarán "de manera inminente", segundo explicou a directora do CGTD, Elena Fernández, en canto a climatoloxía o permita pero en todo caso "antes de final de año", manifestou.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva conta con 150 deportistas bolseiros e preto de 500 usuarios diarios a través dos clubs que usan as instalacións, moitos deles presentes no acto xunto ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, as deputadas provinciais Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez, ou o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.