Segundo billete do piragüismo pontevedrés para o Preolímpico continental que se celebrará a mediados de maio en Hungría.
Antía Jácome (EP Ciudad de Pontevedra) seguiu os pasos da súa compañeira de club Carolina García, clasificada na primeira xornada do selectivo nacional organizado estes días en Trasona pola Real Federación Española de Piragüismo, ao impoñerse no seu caso na proba do C-1 200 metros.
Jácome foi a máis rápida de todas as competidoras cun tempo de 45.191, superando por unha estreita marxe en meta a María Corbera (45.529) e á súa compañeira no C-2, Antía Otero (47.676) que foi a mellor sub-23. Coa súa vitoria a pontevedresa clasifícase tamén para o Campionato do Mundo, ademais de seguir viva nunha carreira olímpica que pasa por vencer no clasificatorio continental.
O seu éxito non puido ser imitado por outra tripulación pontevedresa no C-2 1.000 metros, onde Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio-Pescamar) partían como favoritos. Con todo víronse superados polos os andaluces Tano García e Pablo Martínez (3:40.504), que levaron o billete cara ao Preolímpico. Sieiro e Vallejo foron segundos (3:43.616) lonxe dos gañadores e despedíndose das súas opción de ir a Tokyo no barco dobre, terceiros foron Manuel Fontán e David Barreiro (Náutico O Muíño de Ribadumia / Breogán do Grove) cun tempo de 3:43.793 e cuartos Martín Jácome e Noel Domínguez (EP Ciudad de Pontevedra / Breogán).
Salvo Vallejo, o resto de canoístas masculinos teñen aínda a opción de probarse no C-1 1.000 metros, con final programada para este xoves e que reparte un pase para o clasificatorio olímpico.
Tamén terá unha nova oportunidade Antía Jácome, que buscará o dobrete no C-2 500 facendo parella con Antía Otero.