A area regresa ao Estadio Municipal de Pasarón

Pontevedra
19 de setembro 2025

O Pontevedra Club de Fútbol acometeu un tratamento con achega de area para consolidar e tentar mellorar o terreo de xogo, aproveitando os dous encontros consecutivos fóra da casa

Tratamento con area no céspede do Estadio Municipal de Pasarón

É unha imaxe xa habitual durante o inverno, pero que nesta ocasión adiantouse polo calendario e pola situación actual do terreo de xogo, afectado por un fungo.

O céspede do Estadio Municipal de Pasarón someteuse estes días a un tratamento, aproveitando as dúas xornadas consecutivas que o club granate actuará como visitante, fronte a Athletic B e Ourense CF.

De feito o próximo encontro fixado na casa non se disputará até o domingo 5 de outubro contra o Talavera (12.00 horas).

Ante esa xanela que ofrece a competición, coa posibilidade de non pisar o terreo de xogo durante case tres semanas completas, os operarios actuaron sobre o mesmo.

Fixérono cunha achega de area co obxectivo de consolidar a superficie e tentar mellorar o verde, e pensando ademais no outono e inverno que están por chegar.

Tratamento con area no céspede do Estadio Municipal de PasarónPontevedraViva