Bo sabor de boca no Froiz tras medirse con profesionais nas Árdenas

Pontevedra
15 de abril 2019

A pesar dos abandonos por caída de Guillermo García e Aitor Bugarín, a escuadra pontevedresa deixouse ver e rendeu a bo nivel na prestixiosa carreira francesa, na que compartía pelotón con equipos de categoría profesional

Equipo do Froiz que competiu no Tour das Árdenas en Francia Grupo Deportivos Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz superou con nota o reto de medirse a equipos profesionais no prestixioso Tour das Árdenas, en Francia.

A pesar de que as caídas os castigaron, os corredores da escuadra pontevedresa deixáronse ver nas tres xornadas deixando bo sabor de boca ao seu equipo e tamén á organización, que xa trasladou a súa invitación para repetir a próxima tempada e noutras carreiras do calendario galo.

Na primeira xornada Martín Lestido no grupo que se xogou o triunfo ao sprint, mentres que Iván García, que puntuara nos portos de montaña entrou a 26 segundos por mor dunha caída.

O segundo día foi o máis negativo. Aínda que Iván García entrou na 31ª posición, o Froiz perdeu por caída a dous homes, Guillermo García e Aitor Bugarín, que se tiveron que retirar.

En canto á terceira e última xornada, con dous sectores, na primeira etapa, curta e montañosa, Iván Martínez chegou a 47 segundos e Martín Lestido a 1 minuto do vencedor, Maciej Paterski (Wibatech Merx). Xa pola tarde ambos os ciclistas mantivéronse no pelotón que se xogou o triunfo ao sprint na liña de meta, sendo o vencedor de Kaden Groves (Seg Racing Academy).

A xeral final levouna Alexander Kampdel (Riwal Cycling Team) e a clasificación por equipos foi para o potente Lotto Soudal.