Final feliz para Saleta Castro, que recupera a súa bicicleta para competir no Ironman de Maastricht

Pontevedra
27 de xullo 2016

A bicicleta, extraviada pola compañía aérea Vueling, chegou este mércores ao aeroporto de Amsterdam tras ser localizada en Marrocos, polo que a pontevedresa poderá buscar a fin de semana, con todo o seu material, a clasificación para o Campionato do Mundo Ironman

Saleta Castro tras recuperar a súa bicicleta perdida Saleta Castro

Foron horas de moitos nervios e xestións, pero finalmente terminaron con final feliz.

Saleta Castro recuperou o seu material, bicicleta incluída, e poderá competir con plenas garantías este fin de semana en Maastricht (Holanda), onde buscará a clasificación para o Campionato do Mundo Ironman de Hawaii.

A compañía aérea Vueling extraviara a bicicleta da pontevedresa na súa viaxe desde Galicia ata a localidade holandesa, con escala en Barcelona.

Esta foi localizada en Marrocos, grazas ao esforzo da propia Saleta e á presión exercida por redes sociais e medios de comunicación. 

A pesar de que nun primeiro momento Vueling pretendía remitir a equipaxe perdida ao seu domicilio en Pontevedra, finalmente cambiou a dirección de destino a Amsterdam, onde foi recollida por un amigo.

Agora Saleta Castro pode concentrarse xa no estritamente deportivo e en lograr un soño que leva perseguindo varios anos con insistencia, poder competr na meca do Ironman, en Kona (Hawaii), o próximo mes de outubro.