Domina con solvencia a Copa Galicia de Ciclocrós, onde gañou as cinco carreiras que disputou este tempada, e é unha asidua dentro do calendario nacional desta especialidade, na que progresa a grandes pasos a pesar de contar con só 19 anos.
Con todo non se conforma Irene Trabazo, que se esforza por progresar no ránking nacional de ciclocrós e tamén no internacional, queimando aos poucos etapas, e por iso un ano máis participou na Copa do Mundo.
A ciclista do Marín-Ottoman desprazouse a pasada fin de semana ata Alemaña e Bélxica para afrontar dúas das probas máis emblemáticas do calendario.
A primeira delas, o sábado 25, foi a Copa do Mundo de Zeven, en Alemaña, competición dun altísimo nivel e que se disputou con duras condicións de frío e barro que serviron para curtir nunha batalla máis á marinense.
En Zeven Trabazo concluíu no posto 50, mentres que un día despois no Trofeo Verzekeringen, competición de Clase 1 na que conseguiu unha meritoria vixésimo novena posición.
"Ha sido un finde durísimo", recoñeceu a ciclista do Marín-Ottoman, que coa entrada de decembro retomará con ganas o seu calendario en pleno ecuador da tempada de ciclocrós.