Iván García está de volta: Consegue o ouro no Open de Serbia de Taekwondo

Marín
26 de setembro 2023

É o primeiro triunfo internacional de deportista do Mat's de Marín tras a lesión de menisco sufrida no principio do ano. A menos dun ano dos Xogos Olímpicos, supón un empuxón moral na carreira cara á clasificación

Iván García, coa medalla de ouro conseguida no Open de Serbia Federación Galega de Taekwondo

Gran resultado para Iván García no Open de Serbia de Taekwondo, de categoría G1, disputado durante a fin de semana en Belgrado.

O deportista marinense do Mat's confirmou que está de volta conseguindo a medalla de ouro na categoría de +87 quilos.

Este resultado supón o seu primeiro triunfo internacional desde a lesión de menisco que tivo que superar no principio do ano, e que minguou o seu rendemento.

Agora, a menos dun ano dos Xogos, supón un reforzo moral para seguir pelexando polo obxectivo da clasificación para París 2024.

En Serbia para levar a medalla de ouro Iván tivo que superar no seu primeiro combate ao representante de Exipto (2-0), mentres que na final enfrontouse a un deportista de Macedonia en tres disputados asaltos que acabaron caendo do seu lado.