María Vilas e Carla Goyanes, bronces no Campionato de España de Longa Distancia

Pontevedra
25 de febreiro 2019

As nadadoras do Club Natación Galaico Pontevedra quedaron terceiras no X Campionato de España de Longa Distancia celebrado en Mataró esta fin de semana

Campionato de España de Longa Distancia en Mataró CN Galaico

O Club Natación Galaico Pontevedra regresou de Mataró con boas sensacións tras celebrarse esta fin de semana o Campionato de España de Longa Distancia. Nel contou coa representación de María Vilas, Carla Goyanes e Álex Lages.

Demostrando un gran nivel e realizando un magnífico campionato, Vilas e Goyanes volveron a casa con medalla de bronce nos 5.000 metros. María Vilas foi terceira na categoría senior cun tempo de 57:16.61, quedando a 1.06 do primeiro posto logrado por Mireia Belmonte, mentres que Carla Goyanes lograba a mesma posición na categoría Júnior 2 marcando un tempo de 1:01:37.52.

Na modalidade masculina Júnior 2, Álex Lages tamén realizou unha moi boa marca quedando en sétimo lugar cun tempo de 58.54.44.

Campionato Galego Infantil-Júnior de Ourense

En paralelo ao Campionato de España, o Galaico tamén competiu no Campionato Galego Infantil-Júnior de Inverno celebrado en Ourense de onde regresaron con 15 medallas na modalidade de equipos, catro de ouro, sete de prata e catro de bronce, ademais de obter marcas mínimas para participar no próximo Campionato de España.

O equipo Júnior finalizou terceiro e o Infantil sétimo realizando un traballo notable nas tres xornadas que durou a competición.