O Club Baloncesto Arxil traballa na planificación da próxima tempada, tras a cancelación motivada polo coronavirus, e para iso debe adaptarse ás novas normas que rexerán a Liga Feminina 2.
Nesa nova normativa só se permitirá a inscrición dunha xogadora de pasaporte extracomunitario, o que fixo elixir á directiva arxilista entre dúas mulleres que encaixaran no esquema do equipo protagonizando bos números e sendo pezas importantes.
Así, a aposta do Arxil pasa por centrarse na renovación de Heather Forster para fortalecer o xogo interior. Na decisión pesaron as estatísticas da pívot estadounidense, que alcanzou de media este curso 12,1 puntos e 8,9 rebotes por encontro, así como a súa boa adaptación e traballo. De non frutificar a renovación, abordaríase a fichaxe dunha xogadora para ese posto, ao consideralo clave.
Desta forma a damnificada foi Johanna Puchetti, que en apenas dous meses e medio en Pontevedra gañouse a boa opicnón dos responsables do club pontevedrés.
A ala-pívot arxentina só chegou a disputar oito partidos coa camiseta verde, sumando 10,1 puntos e 4,4 rebotes por encontro e sendo importante na reacción para afastarse do descenso.
Internacional polo seu país, Puchetti "foi unha xogadora indispensable", recoñece o Arxil desexándolle sorte e agradecendo a súa "dedicación en partidos e adestramentos" que a levaron a converterse en só unhas semanas en "un referente para as súas compañeiras e para todas as xogadoras de canteira".