Derrota sen escusas a encaixada este sábado polo Cisne ante o Bidasoa. Os brancos foron incapaces de plantar cara a un dos mellores equipos da categoría. A falta de ritmo na circulación do balón, así como a pouca contundencia nas áreas por parte dos locais inclinaron moi rápido a balanza ao lado visitante, menos anotador do habitual pero que xa deixara sentenciado o partido antes do descanso.
Poucas conclusións positivas poden sacar os de Jabato deste encontro máis aló do atrevemento e talento dun mozo Álvaro Preciado que non deixa de crecer, o descaro do canteirán debutante André de Moura e as boas paradas de Pablo González, que disputou a maior parte do encontro pola preocupante lesión de Villamarín, que como Iván Calvo tiveron que abandonar o partido lesionados.
Tardou tres minutos en inaugurar a súa marcadora o conxunto pontevedrés. Para cando o fixeron os visitantes xa conseguiran unha renda de tres tantos, da que non baixaron en todo o encontro. Os locais estrelábanse unha e outra vez na poderosa defensa vasca, que non perdoaban en ataque nos compases iniciais do partido.
Foi ao cuarto de hora de xogo, coa balanza xa desequilibrada cando concederon un respiro aos brancos. No seu primeiro xogo en superioridade lograron reducir a desvantaxe ata os tres tantos (5-8) a falta de dez minutos para o descanso. Un espellismo, porque Bidasoa apertou de novo o acelerador sen que o Cisne puidese facer nada por frear o seu avance. Selaron a súa portería e bombardearon a de González para deixar o marcador nun incontestable 7-16 ao descanso.
Despois do paso por vestiarios, o ritmo do xogo decaeu. Bidasoa dedicouse a admisnitrar a vantaxe e repartir minutos entre todos os seus xogadores e Jabato fixo o propio. Lograron nun primeiro momento reducir a vantaxe as branco grazas ao atrevemento de Preciado, con catro tantos consecutivos, no lanzamento. Aínda así a remontada era un soño inalcanzable.
Co marcador estabilizado nos dez tantos de diferenza. Ambas as escuadras foron intercambiando goles ata o bocinazo final, que soou como un espertador para lembrar ao Cisne canto terá que sufrir e pelexar para conseguir a permanencia na categoría.