O Municipal levanta o pano do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas

Pontevedra
03 de xuño 2019

Desde este luns 3 de xuño e ata o vindeiro domingo 9 competirán no pavillón pontevedrés deportistas de 37 países. A competición non parará durante toda a semana, con dobre quenda diaria e entrada de balde para o público

Primeira xornada do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas no Municipal Mónica Patxot

A segunda gran cita internacional do ano en Pontevedra, o Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas, é xa unha realidade.

O Pavillón Municipal dos Deportes estreou este luns 3 de xuño unha competición que contará, ata o domingo 9, con 800 deportistas inscritos procedentes de 37 países.

Entre eles haberá tres galegos. Nerea Pampín (Club Keltoi de Vila de Cruces) participará na categoría de -65 quilos de modalidade de loita feminina, mentres que Carlos Yobani (Club de Loitas Olímpicas de Vilalba) e Santiago Sánchez (Club Keltoi de Vila de Cruces) competirán en loita libre en -65 e -86 quilos respectivamente.

Ademais a representación galega complétaa o árbitro Marcos Araújo (Club San Ignacio de Vigo).

No Municipal instaláronse tres tapices elevados nos que se desenvolverá a competición oficial, mentres que no exterior unha carpa acolle unha zona de quecemento con outros dous tapices regulamentarios.

O Europeo Júnior de Loitas Olímpicas comezou coa modalidade de loita grecorromana, con competición ata o mércores 5 de xuño, data na que tomará a testemuña a loita libre feminina (5, 6 e 7), pechando a programación a loita libre (7, 8 e 9 de xuño).

As xornadas, con entrada de balde para o público, serán dobres durante toda a semana, aproximadamente desde as 11:30 a 14:30 horas polas mañás e de 17:30 a 20:30 horas polas tardes coa disputa das diferentes finais.