O Poio Pescamar fai oficial o regreso da internacional Ale de Paz

Poio
15 de xuño 2023

A futbolista é a primeira fichaxe estival da entidade conserveira, na que xa militou durante catro tempadas antes de marcharse a Burela e posteriormente ao Marín Futsal, do que procede

Ale de Paz, no partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña
Ale de Paz, no partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña /

Primeira fichaxe, e importante, no Poio Pescamar, cunha incorporación que está chamada a ser unha das referencias do equipo a próxima tempada.

Trátase ademais dun regreso a 'casa', o da internacional absoluta Ale de Paz.

O club conserveiro fixo oficial este xoves a contratación da dobre campioa europea, de 28 anos e que xa xogou na Seca durante catro tempadas (2015 a 2019), nas que sumou máis de 100 partidos.

Tras a súa saída de Poio en 2019 Ale de Paz militou tres campañas en Burela gañando todos os títulos posibles, e o pasado curso defendeu as cores do Marín Futsal.

A futbolista de Neda, que actúa de ala, é a terceira peza confirmada para o novo e ambicioso proxecto do Poio Pescamar, tras as renovacións de Laura Uña e Elena.