Quenda para os elite no Europeo de Maratón

Pontevedra
29 de xuño 2016

Tras a segunda xornada de competición Master, este xoves iníciase o campionato oficial, coa disputa da competición elite junior e sub-23 individual. A contorna da ponte dos Tirantes acolleu a cerimonia oficial de inauguración como aperitivo do que está por chegar

Ceremonia inaugural do Europeo de Piragüismo Maratón Mónica Patxot

Despois de dous días de competición Master, para grupos de idade desde os 35 ata máis de 70 anos (consulta aquí os resultados), chega a quenda dos elite no Campionato de Europa de Piragüismo Maratón.

A contorna da ponte dos Tirantes, co río Lérez de fondo, acolleu a cerimonia de inauguración do Europeo, que comeza oficialmente este xoves.

Ata 17 padexeiros galegos tomarán a saída ata o domingo nas diferentes probas, algúns deles como clara opción de medalla como Óscar Graña e Ramón Ferro, Tono Campos ou Raquel Rodríguez.

Pero primeiro será quenda o xoves da competición junior e sub-23. Ás 10:00 e 10:05 horas partirán as deportistas do C-1 e K-1 Junior Feminino, ás 12:00 darase a saída ao K-1 Sub-23 Feminino, ás 12:05 ao C-1 Junior Masculino e ás 14:15 horas ao K-1 Junior Masculino.

Unha instensa programación que reforza a idea de que "o piragüismo e Pontevedra son primos irmáns", tal e como sinalou na cerimonia inaugural o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, satisfeito co aspecto que loce a cidade diariamente grazas aos padexeiros que adestran no río e especialmente cunha competición desta categoría.

Xunto ao rexedor da capital atopábanse outras autoridades como a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, o presidente da Federación Española de Piragüismo, Juan José Román, e da Federación Europea, Albert Woods, que quixo agradecer a Pontevedra "a cálida acollida".