Tono Campos, subcampión do Mundo de piragüismo maratón en Hungría

O Salnés
13 de setembro 2015

O palista grovense foi segundo en C-1 na competición celebrada na localidade de Gyor. Raquel Rodríguez, cuarta en categoría feminina e Damián González, sexto en sub-23  

Tono Campos en una competición previa con la selección española de piraguismo Federación Galega de Piragüismo

Pontevedra segue a ser unha potencia mundial na modalidade de piragüismo maratón, e os palistas da provincia empeñáronse en demostralo no arranque do Campionato do Mundo que se está celebrando na localidade húngara de Gyor.

O mellor resultado polo momento é a medalla de prata lograda polo grovense Tono Campos (Breogán) na modalidade de C-1.

Campos, que con esta medalla suma 12 en mundiais e europeos de maratón, tivo opcións de vitoria ata os últimos metros, pero terminou cedendo ao sprint ante o húngaro Márton Kövér, co portugués Nuno Barros na terceira praza e o tamén galego David Mosquera (Ría de Betanzos) cuarto tras completar un percorrido de 26 quilómetros.

Tamén competiron nos barcos individuais a pontevedresa Raquel Rodríguez (EP Cidade de Pontevedra) logrando unha sobresaliente cuarta praza, mentres Damián González (Piragüismo Verducido) foi sexto na categoría sub-23.

A outra medalla galega logrouna o tudense Iván Alonso, sendo bronce no K-1 senior.