A Covid fixo saltar polo aire a rutina e tranquilidade do Poio Pescamar, que tras a súa participación na Supercopa de España preparaba xa a súa volta á competición ligueira.
Tres futbolistas do conxunto conserveiro deron positivo por coronavirus, o que obrigou a confinar a todo o plantel.
Os contaxios foron detectados a través das probas de antíxenos ás que se someten regularmente tanto as xogadoras como o corpo técnico, sendo despois confirmados mediante as pertinentes PCR e notificados os resultados ao Servizo Galego de Saúde.
Ao ser contactos estreitos dos positivos, todo o plantel foi confinado este mesmo martes tras coñecer os resultados, á espera de ser citadas para as probas obrigatorias. En todo caso, segundo os protocolos, aínda que o resultado dos seus test sexa negativo deberán permanecer illadas os 10 próximos días.
Tras poñer en coñecemento da situación á Real Federación Española de Fútbol, o Poio Pescamar solicitou o aprazamento do partido de liga que debía enfrontarlle a fin de semana ao Leganés, suspensión que xa foi confirmada.