O Club Baloncesto Arxil fixo os deberes no primeiro dos dous partidos que ten que xogar en menos de 24 horas, sumando a súa sétima vitoria consecutiva para prolongar así o seu bo momento en Liga Feminina 2.
O conxunto pontevedrés superou ao Mataró tras un inicio case impecable que lle valeu para manterse por diante no marcador durante todo o encontro.
E é que o Arxil, comandado por Nerea Liste en ataque e Forster en defensa impúxose por 9-22 no primeiro cuarto, logrando así unha vantaxe ampla e cómoda de fronte ao devir do partido.
Tentou reaccionar o cadro catalán a partir dese momento pero os esforzos eran insuficientes, xa que as verdes, a pesar de fraquear en defensa, seguían acertando de fronte ao aro e dominaban no luminoso.
O Mataró continuou reducindo a diferenza despois do descanso e conseguiu, a falta de dous minutos para a conclusión, colocarse a tan só catro puntos do empate, pero o acerto desde a liña de tres de Marta Fernández obrigou ao ténico local a parar o tempo (51-58).
A situación parecía que xa estaba controlada, pero Marta Oliver respondeu anotando tamén de tres cando aínda quedaban minuto e medio para o final, facendo que o triunfo do Arxil empezar a pender dun fío. Con todo, Mayte Méndez e as súas xogadoras souberon xogar mellor as súas cartas e fixéronse co triunfo por 54-58.
O equipo pontevedrés xogará este domingo ás 16:00 horas contra o GEiEG de Xirona o último partido do ano.
Consulta as estatísticas nesta ligazón