Última bala de Saleta Castro para chegar ao Campionato do Mundo Ironman en Hawaii

Pontevedra
19 de xullo 2016

A triatleta pontevedresa, tras o seu sexto posto no Ironman de Frankfurt, xogarase todas as súas opcións de clasificación para o Mundial de Kona no Ironman de Maastricht (Holanda), no que necesita terminar no podio. "Era algo impensable hace un mes", recoñece antes de avisar que irá "a por todas" para cumplir o seu soño

Saleta Castro durante un adestramento Saleta Castro

"Era algo impensable hace un mes", recoñece Saleta Castro, pero o seu brillante sexto posto no Campionato de Europa de Ironman, en Frankfurt, abriu unha porta á esperanza.

A triatleta pontevedresa xogarase a unha soa carta a clasificación para o Mundial da especialidade, que se disputará en outubro en Kona (Hawaii), e é que os puntos logrados en Alemaña poñen ao seu alcance colocarse entre as 40 mellores do ránking mundial, as que acceden á proba profesional máis prestixiosa do planeta (35 máis as gañadoras dos cinco campionatos continentais).

Saleta conta actualmente con 3.045 puntos no posto 51 do ránking, polos 4.215 que marca a triatleta que marcha na posición 40, a australiana Duke Dimity-Lee. Por iso necesita un podio en Maastritcht (Holanda) o próximo 31 de xullo, cita elixida por ela para tentar o asalto a Hawaii e que contará cun nivel competitivo menor ao das súas últimas carreiras. 

"Si hago tercera correría en Dublín un 70.3 en agosto para asegurar los puntos", explicou a deportista a PontevedraViva tras un adestramento na cidade do Lérez, onde permanecerá ata o que o vindeiro luns 25 poña rumbo a Holanda.

Farao coa moral en todo o alto, despois dun ano complicado polos problemas físicos que lle obrigaron a retirarse de dúas probas Ironman, en Texas e sobre todo Lanzarote, e que fixeron moito dano na súa confianza. Por sorte despois de realizar un test de nutrición e detectar o problema que lle atacaba en carreira todo volveu á normalidade.

A iso úneselle a maneira de terminar en Frankfurt, realizando o terceiro mellor parcial de todas as participantes no maratón (3:04:54) e rebaixando o seu mellor marca nesta distancia en 10 minutos: "No me esperaba correr así una maratón, aunque sabía que podía hacerlo", explica.

Por todo iso, aínda que sabe que é "difícil que en un Ironman todo salga perfecto" e que en 2017 terá unha nova oportunidade, Saleta Castro non se rende e avisa, irá "a por todas" en Maastricht na busca do seu soño. A recompensa ben merece o esforzo.