Xornada de baixas no Pontevedra

Pontevedra
23 de maio 2016

Os futbolistas do primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol empezaron a pasar ao longo deste luns polas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón para negociar o seu futuro no club. Pablo Carnero, Anxo, Pedro García e Pablo González non seguirán defendendo a elástica granate a próxima tempada

Pablo Carnero e Anxo adestrando en Príncipe Felipe Mónica Patxot

Xornada de moito movemento nas oficinas do Pontevedra Club de Fútbol a deste luns, na que unha parte do plantel granate comezou a desfilar polo Estadio Municipal de Pasarón para negociar o seu futuro.

Nalgúns dos casos a decisión de non continuar tíñaa tomada o propio futbolista, pero ata falar cos responsables da entidade non se fixo público.

Desta forma, e a contagotas, o Pontevedra foi confirmando os nomes dalgúns dos xogadores que non continuarán defendendo a elástica granate ao finalizar contrato e non ofrecérselle renovación.

É o caso dalgúns dos homes importantes do ascenso a Segunda B, como Pablo Carnero, Pedro García, Anxo ou Pablo González.

Ningún deles tivo o protagonismo esperado tras o salto de categoría, aínda que algún como o central Pablo González ou Pedro García si contaron con moitos minutos ao longo da tempada. Pola súa banda Pablo Carnero non chegou a ofrecer este ano o seu mellor nivel lastrado polas lesións, mentres Anxo non gozou de continuidade.

Pablo González despídese do club tras catro tempadas, Carnero despois de tres e Anxo e Pedro García tras dous anos na casa granate. Con eles son xa seis os futbolistas que non continuirán en Pasarón a próxima campaña, ao sumarse a Hugo e Antonio Bello. Ademais Quejeiro regresará previsiblemente ao Deportivo, club que posúe os seus dereitos deportivos.

Ata o mércores non están previstas máis reunións con integrantes do primeiro plantel, aínda que se espera que nas próximas horas Jandrín e Company respondan á oferta de renovación que lles trasladou o club.