47.500 euros anuais para a praza de touros

Pontevedra
14 de agosto 2014

O Goberno Local aclara os detalles do convenio entre Concello e Praza de Touros para os anos 2014 e 2015. A cambio desa cantidade, o Concello pode usar a instalación sen límite de días, a excepción dos ocupados pola actividade propia da praza

Torneo medieval na Feira Franca 2013 Diego Torrado

O Concello de Pontevedra fixo público o convenio que asinou para o presente ano coa empresa propietaria da praza de touros, que ascende finalmente a 47.500 euros.

A diferenza entre os 40.000 inicialmente recoñecidos e os 47.500 radica no IVE, pero ademais o pagamento corresponde a unha soa anualidade, segundo aclarou o goberno local.

A cambio desta cantidade o Concello pode utilizar a instalación non só para datas como a Feira Franca ou a Cabalgata de Reis, como viña sendo habitual, senón que poderá facer uso, logo de solicitude, tantas veces como sexa necesario sen límite de días, a excepción dos que estean ocupados pola actividade propia da praza (este ano 2, 3, 9 e 10 de agosto).

O convenio, asinado o pasado mes de xuño para 2014, terá continuidade en 2015 cun novo contrato "en base ó contido do presente documento", fixa o texto, que contempla ademais outras cláusulas como que o pagamento debe facerse efectivo antes do 15 de agosto, debe permitirse sempre o acceso aos propietarios ou os seus representantes a inspeccionar as instalacións ou que o servizo de bar "será a conta, cargo e beneficio, se o houbese, da propiedade da praza de touros".

A plataforma Galicia Mellor Sen Touradas solicitou hai poucos días que o goberno local de Pontevedra puxese fin a este convenio.