7.300 euros en xogo no gran desfile de Entroido de Vilagarcía

O Salnés
26 de xaneiro 2026

A concellería de Cultura activa a maquinaria para recibir a Don Carnal cunha trintena de premios e unha programación que se estenderá de Vilaxoán ao Carril

Desfile de Entroido en Vilagarcía de Arousa Concello de Vilagarcía de Arousa

Este 2026, o certame de desfile de disfraces e carrozas en Vilagarcía de Arousa redobra a súa aposta pola creatividade repartindo un total de 7.300 euros distribuídos en 22 premios.

O desfile, que se celebrará a tarde do martes 17 de febreiro, volverá ser o espazo onde se quere implicar a toda a cidadanía.

O Concello, a través da área de Cultura que dirixe Sonia Outón, deu este luns o paso definitivo para a organización do Entroido coa aprobación, en Xunta de Goberno, da normativa a seguir..

As bases publicaranse este martes 27 na sede electrónica e na web municipal, mentres que o prazo para formalizar a inscrición estará aberto do 2 ao 13 de febreiro.

As persoas interesadas deberán tramitar a súa participación de xeito presencial nas dependencias da Concellería de Cultura, situadas no Auditorio Municipal.

A organización deseñou un abano de categorías que abrangue desde os máis cativos ata as grandes formacións. Establécense modalidades infantil (ata 13 anos), xeral e comparsas, estas últimas divididas segundo o número de integrantes (ata 20 persoas ou máis de 20).

As dotacións económicas oscilan entre os 50 euros para as categorías individuais e os 1.300 euros que poderán acadar as comparsas máis destacadas.

Ademais, o xurado outorgará mencións especiais de 500 euros á mellor carroza e á mellor animación.

Un dos puntos fortes da convocatoria é a partida específica de 500 euros destinada a incentivar a figura do choqueiro, unha homenaxe á tradición popular máis auténtica do entroido galego que o Concello quere seguir mantendo viva.

Desfile de Entroido en VilagarcíaConcello de Vilagarcía de Arousa

O luns 16 de febreiro, a Praza da Peixería converterase no reino da rapazada cun baile infantil de máscaras. A xornada estará animada pola música e as coreografías de La Duendeneta e contará con obradoiros creativos gratuítos para que os nenos e nenas poidan dar renda solta á súa imaxinación.

O espírito satírico e tradicional de Don Carnal trasladarase tamén ás parroquias mariñeiras. En Vilaxoán, o venres 20 de febreiro, o centro sociocultural do Preguntoiro acollerá o seu festival de comparsas, onde a retranca e as coplas serán as protagonistas.

O sábado 21 será o momento de despedir a festa co enterro da sardiña, que partirá da lonxa ás 19:30 horas.

O evento final porao O Carril o domingo 22 de febreiro. Da man da asociación Gato Negro, a comitiva fúnebre de curas e choronas, acompañada de agrupacións como "O que queira que veña", a ANPA A Escardia, Os Jatiños ou o Grupo Tradicional Malveiras, percorrerá as rúas para dar o último adeus á sardiña.

Arquivado en