A Covid non frea a campaña anual de Vaipolorío para limpar a contorna do Gafos

Pontevedra
30 de xullo 2020

A asociación ecoloxista ten previsto iniciar o vindeiro domingo 2 de agosto a 20ª Campaña de limpeza do río Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos

Presentación da 20ª campaña de limpeza de Vaipolorío Mónica Patxot

A asociación Vaipolorío presentou a que será a 20ª edición da Campaña de limpeza do río Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos.

Toda unha acción clásica do colectivo ecoloxista que non se ve freada polo coronavirus, aínda que si se adaptará para garantir a seguridade dos participantes.

O colectivo ten previsto iniciar a limpeza na contorna do río o vindeiro domingo 2 de agosto.

Con todo, ao contrario que outros anos, Vaipolorío pide ás persoas interesadas en participar na limpeza dos fondos do Gafos e a súa contorna que contacten previamente coa asociación co obxectivo de poder organizar grupos e limitar así o contacto entre os participantes.

Ademais de voluntarios particulares, Vaipolorío contará un ano máis coa colaboración da Asociación Xoán XXIII que participará nunha das xornadas de limpeza.