A polémica reforma de Luis Rocafort dá paso a unha nova avenida

Sanxenxo
30 de decembro 2017

A Deputación fixo entrega da rúa á veciñanza este sábado, pechando, desta maneira, dez meses de obras que transformaron radicalmente a estrada e a converteron nunha nova avenida. A inauguración contou coa participación de Carmela Silva, César Mosquera, Uxío Beníteze o alcalde accidental de Sanxenxo, Gonzalo Pita

Inauguración da rúa Luis Rocafort Deputación Provincial de Pontevedra

As obras da rúa Luis Rocafort de Sanxenxo están rematadas e, despois de meses de polémica e mesmo de facer saltar polos aires o goberno local, a actuación está xa en mans dos veciños. 

A Deputación de Pontevedra fixo entrega da rúa á veciñanza este sábado, pechando, desta maneira, dez meses de obras que transformaron radicalmente a estrada e a converteron nunha nova avenida. 

A inauguración contou coa participación da presidenta e o vicepresidente da Deputación Provincial, Carmela Silva e César Mosquera, e tamén do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, responsable do departamento promotor do proxecto. Non faltou o alcalde accidental de Sanxenxo Gonzalo Pita, e concelleiros de todos os grupos municipais.

Carmela Silva destacou que a obra dá resposta a unha "demanda da xente” e que "urbanizar esta avenida era algo que había que facer ben e con criterios claros". Así se fixo e apostouse pola calidade, por un tratamento digno para dar "unha boa imaxe dun lugar cunha alta capacidade de atracción turística".

A presidenta destacou que a avenida quedou "espectacular" e quixo agradecer aos técnicos que a fixeron posible o seu traballo e compromiso, ademais de destacar que ten criterios de calidade e accesibilidade universal.

Mosquera, pola súa banda, manifestouse "satisfeito" porque despois de moitos anos como membro da oposición na Deputación, "e de dor de cartos públicos e dor corazón por obras deficitarias e desastrosas", a reforma de Luis Rocafort demostra un cambio na maneira de facer as cousas, xa que o novo goberno provincial apostou por mellorar o proxecto anterior e pasar a outro coa "máxima calidade".

"Tomamos decisións non entendidas como a de desadxudicar o anterior proxecto e non facer obras se non había os terreos. Contratamos para a Deputación ao arquitecto que máis sabe de urbanizacións en todo o Estado e chegamos a este proxecto para a entrada a Sanxenxo, e a vila meréceo. Ademais agardo que sirva como exemplo, e que as obras da Deputación e doutras administracións a partir de agora teñan este nivel de calidade. Sabemos que ás veces hai que ter paciencia, pero o resultado está aquí", indicou finalizou.

Gonzalo Pita, na súa quenda de intervencións, tamén asegurou que é un día de celebración porque se fixo realidade unha demanda histórica. Agradeceu aos veciños as cesións de máis de 1.000 metros cadrados de terreos para ampliar a rúa e rematou a súa intervención asegurando que "do malo, rexeitar; do bo, aprender".

A inauguración da avenida tivo o seu punto central no momento en que Carmela Silva realizou o acendido das novas luminarias da rúa, que se fixo telematicamente a través dun ipad. Así mesmo, a xornada estivo marcada pola actuación da Banda de Música de Sanxenxo, que interpretou varias pezas nun marco incomparable: coa praia de Silgar ás súas costas. 

A actuación supuxo un investimento de 1,65 millóns de euros fronte aos 1,1 orzamentados inicialmente, un sobrecusto do que a Deputación se fixo cargo, pasando a financiar o 70% da obra fronte ao 55% anterior.