A Xunta convoca aos afectados polas obras na PO-308 para o levantamento de actas previas

Poio
21 de setembro 2018

Os propietarios de fincas afectadas situadas en Poio deberán achegarse á casa consistorial os días 24 e 25 de outubro, entre as 9 e as 14 horas, e os titulares de terreos en Sanxenxo, acudirán o día 26 ao Concello, a partir das 10.30 horas

Estrada PO-308 en Raxó Mónica Patxot

A Xunta convoca para os vindeiros días 24 e 25 de outubro, en Poio, e o 26, en Sanxenxo, aos titulares de terreos afectados polas obras de mellora de seguridade viaria na estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308) para o levantamento de actas previas.

Os propietarios de fincas afectadas en Poio deberán achegarse os días 24 e 25 de outubro á casa consistorial, entre as 9 e as 14 horas; e os titulares de terreos situados en Sanxenxo farán o mesmo no correspondente concello o día 26, a partir das 10.30 horas.

Trátase dunha actuación licitada en xuño por un importe de máis de 1,5 millóns de euros, que se complementa de modo coordinado coa senda O Covelo - Raxó , cuxas obras comenzaron este mes.

O proxecto ten como obxectivo incrementar a seguridade entre o acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa.

Ente as intervencións proxectadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda destaca a execución dunha semiglorieta no acceso ao peirao do Covelo e unha glorieta na intersección coa PO-303 en Samieira.

O proxecto inclúe ademais a construción dun carril central na intersección co Camiño Salgueiral e o acceso á praia de Laño, así como a execución dunha segunda glorieta para acceso ao porto de Raxó.