Os afectados polas inundacións en Valdecorvos piden inspeccionar o tramo soterrado do río

Pontevedra
07 de marzo 2026

A asociación móstrase preocupada polo estado da galería que cobre o río no seu tramo urbano, e solicita que se realice unha inspección técnica antes de afrontar a humanización da zona

Auga en Valdecorvos AFIRVAL

Até sete inundacións vivíronse desde o mes de novembro polo desbordamento do río Valdecorvos no seu tramo urbano, unha situación que elevou aínda máis si cabe a preocupación dos veciños.

A Asociación de Afectados por Inundacións Río Valdecorvos (AFIRVAL) asegura que esta situación deixa unha "sensación de cansazo e preocupación entre a veciñanza".

AFIRVAL centra neste caso as súas dúbidas no estado no que se atopa a galería de pedra do tramo soterrado do río "polos danos que estes grandes volumes de auga provoca na zona e no tramo soterrado, ao producirse arrastres, entrar a galería en carga, exercer presións e remover elementos ao redor".

Aseguran ademais que na desembocadura do río, na ponte dos Tirantes, pódense ver durante a bajamar acumulacións de pedras "de considerábel tamaño".

O temor é que estas pedras procedan da estrutura de pedra da galería soterrada, que estea a sufrir danos graves.

Por todo iso solicitan tanto ao Concello de Pontevedra como a Augas de Galicia que, antes de continuar cos proxectos de actuación anunciados para esta zona, acomentan de maneira "urxente" unha inspección técnica en profundidade, con caracterización xeotérmica e avaliación do estado do tramo soterrado "non como obstáculo á humanización e á procura de solucións, senón como condición previa e mínima para que calquera obra teña sentido".

Apelan á urxencia aludindo á tramitación por parte do Concello dun proxecto de humanización para Casimiro Gómez valorado en máis dun millón de euros xunto aos proxectos contra as inundacións anunciados por Augas de Galicia, entendendo que o estudo en cuestión debería acometerse previamente.

Solicita ademais a asociación que o resultado dese estudo técnico do tramo soterrado se dea coñecer publicamente.