"Cando tes medo da túa parella, aí deberían saltar todas as alarmas"

Pontevedra
21 de abril 2022

Alumnado de cuarto curso de ESO do instituto Valle-Inclán estreou este mércores unha serie de charlas para identificar violencias machistas que puxo en marcha o Concello despois de detectar un incremento no número de casos de violencia de xénero ao longo do ano 2021

Charla para identificar violencias machistas no instituto Valle-Inclán Mónica Patxot

"Cando tes medo da túa parella, aínda que non saibas moi ben a que lle tes medo; cando o vaias ver e non saibas como vai ser o día ou a tarde ou a noite porque depende de como veña, aí deberían saltar todas as alarmas". A advertencia fíxoa este mércores Merchi Renda, axente de igualdade do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e os destinatarios deste consello, un grupo de alumnas e alumnos de cuarto curso de ESO do instituto Valle-Inclán.

A intervención de Renda formou parte da primeira dunha serie de charlas para identificar violencias machistas que puxo en marcha o Concello este mesmo mércores nos institutos de educación secundaria da cidade despois de detectar un incremento no número de casos de violencia de xénero ao longo do ano 2021. 

Búscase traballar na prevención e este mércores o instituto Valle-Inclán foi o primeiro en recibir a visita desta actividade, unha charla impartida por Renda polo CIM e Ángel Ruibal e Melisa do equipo de VioXén da Policía Local de Pontevedra

Despois dunha introdución na que deixaron claros conceptos como sexo, xénero, orientación sexual ou identidade sexual, fixeron un repaso pola situación actual da violencia machista para concienciar ao alumnado da necesidade de estar alerta e axudar a identificar comportamentos machistas. 

"Por que no ano 2020 temos que seguir falando disto", preguntouse Merchi Renda, e insistiu en que "non podemos esquecer de onde vimos e onde estamos; nunha sociedade patriarcal, é onde estamos, un sistema onde a dominación é masculina". Quixo aclarar, iso si, que non de todos os homes, pero que a orixe da violencia de xénero é esa sociedade patriarcal.

Ante dous grupos de estudantes de 15 e 16 anos, a axente de igualdade abordou todos os tipos de violencia sobre as mulleres, psicolóxica, física, económica, social e sexual; e os ciclos e evolución da violencia, que vai de menos a máis, unha escalada de comportamentos cada vez máis violentos que "vai ata onde o cortemos"

"Canto antes o cortemos, mellor", destacou, e quixo axudar ao alumnado a identificar comportamentos machistas, que no caso dos homes adoitan ter orixe no "concepto de facerse respectar" e, no das vítimas, nos conceptos do amor romántico

A charla estivo acompañada de diapositivas ilustrativas como a que se achegou aos mitos do amor romántico a través dunha rapaza que vai comendo sapos. "Eses sapos que nos tragamos e nos levan a aguantar ese príncipe azul que é o amor verdadeiro e que vai cambiar" son a orixe de moitas situacións de violencia e Merchi Renda quixo facer "spoiler" e asegurar as alumnas que non, un maltratador nunca cambia e non deixa de maltratar. 

Cando se fala de violencia de xénero, adoitase falar das vítimas asasinadas polas súas parellas, pero os crimes son só a punta do iceberg. Sobre iso falou Ángel Ruibal, que aclarou conceptos das Lei Integral de Loita contra a violencia de xénero e como foi un paso decisivo para deixar claro que a violencia machista "non é algo privado dentro da parella, afecta a todos"

O axente explicou que desde a Policía Local están a traballar en prevención con actividades con persoas novas para lograr frear unha escalada de violencia e tamén a negativa que se está a facer sobre a propia violencia de xénero. Citou un estudo segundo o cal entre a poboación de 15 a 29 anos o 21% considera que a violencia de xénero se esaxera e o 27% veno unha conducta normal na parella

A este alumnado, tanto Ángel como Merchi quixeron deixarlle claro conceptos como o sexting ou que espiar o móbil dunha persoa é delito e "a rede non olvida", pero tamén que aprendan a detectar potenciais maltratadores.

"Se un mozo é machista, é máis susceptible de ser violento", aseguráronlle e tamén que "cando todas as súas ex son malas, ti vas ser a próxima. Aí hai un problema e teno el".