A concelleira de Cidadáns Sanxenxo, Vanessa Rodríguez criticou ao Goberno local por privatizar o Servizo de Atención no Fogar (SAF).
A concelleira considera que "esta é a forma de gobernar de Telmo Martin: endebedarnos e privatizar os nosos servizos". Para Rodríguez Búa "é vergoñoso que alguén que llas dá de gran xestor só saiba gastar diñeiro que non temos e botar balóns fóra", dixo.
A edil da formación laranxa considera que o SAF de Sanxenxo é un servizo que require de "un gran esforzo por parte de todos, empezando polos políticos, para funcionar como debe ser". Neste sentido, considera que é "evidente" que "o goberno do alcalde Telmo Martin non tiña ningunha intención de solventar nada, cando puxo á fronte deste departamento a unha persoa que nin se interesou por coñecer a súa problemática".
Segundo Vanessa Rodríguez, nestes 9 meses o concelleiro desta área só reuniuse coas traballadoras do servizo unha vez "e foi para dicirlles que non tiña nin idea do seu labor e que xa volvería. Nunca volveu", asegurou.
Para a concelleira de Cidadáns a "falta de criterio" de Telmo Martín ao privatizar o SAF "só pode rivalizar coa súa falta de respecto cara ás traballadoras do servizo e cara aos membros da oposición, quen tivo coñecemento desta decisión a través da prensa".