O efecto dominó das obras do paso a nivel mantén paralizada a contorna de Praceres

Pontevedra
17 de marzo 2026

Concello, Adif e Xunta avanzan cara a unha solución coordinada para os asolagamentos do Santo, en Praceres, tras anos de bloqueo ligado a unha sentenza de 2007 sobre o paso ferroviario

Xuntanza para falar da situación nos Praceres Subdelegación do Goberno

O Concello de Pontevedra percibe avances significativos na resolución dos históricos problemas de asolagamentos na zona do Santo, en Praceres, tras a reunión celebrada este martes na Subdelegación do Goberno. Ao encontro asistiron representantes municipais, técnicos, responsables de Adif e organismos autonómicos como Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, destacou ao remate da xuntanza a "boa disposición" das distintas administracións para atopar unha saída a un conflito que se arrastra desde hai anos e que cualificou de especialmente complexo pola súa orixe e evolución.

Segundo explicou o edil, a situación actual ten a súa orixe nas actuacións realizadas na praza de Praceres para eliminar o paso a nivel ferroviario, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo de 2007. Este fallo obrigaba a suprimir estas interseccións, consideradas ilegais, e desencadeou unha serie de actuacións que, co paso do tempo, derivaron no bloqueo da zona.

A execución desta sentenza provocou un efecto dominó entre administracións. A Xunta de Galicia mantén paralizadas as obras na antiga estrada de Marín á espera dunha solución técnica definitiva por parte de Adif, que adxudicou en 2023 os traballos para os pasos soterrados. Non obstante, o proxecto debe ser modificado por requirimentos de Augas de Galicia, o que atrasou a súa execución.

Mosquera amosouse crítico coa proposta actual de Adif, advertindo de que non conta co apoio municipal nin veciñal ao considerar que podería empeorar notablemente a situación da contorna.

Este escenario tamén impediu ata o momento que o Concello poida executar as súas propias actuacións para mellorar o drenaxe e evitar inundacións, ao non contar coa autorización necesaria de Adif para intervir en terreos baixo a súa competencia.

Porén, tras a reunión, as administracións implicadas amosaron unha maior vontade de coordinación.

A estratexia municipal pasa agora por conseguir un permiso provisional que permita acometer de maneira inmediata obras de drenaxe, mentres non se resolve a solución definitiva vinculada á infraestrutura ferroviaria.

Desde o goberno local sinalan que tanto Augas de Galicia como a Axencia Galega de Infraestruturas valoran positivamente a proposta municipal, ao considerar que supón unha mellora substancial da situación actual e permitiría reducir os problemas de asolagamento xa de cara ao vindeiro inverno.

María José Abilleira e César Mosquera    Concello de Pontevedra

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, subliñou a necesidade de coordinación entre todas as partes implicadas nunha intervención que cualificou de "complexa" pola concorrencia de distintas competencias.

Losada lembrou que Adif confirmou a obrigatoriedade de executar o proxecto de eliminación do paso a nivel, cun investimento previsto de 9,2 millóns de euros, en cumprimento da sentenza xudicial. Aínda que recoñeceu que a solución técnica non resulta satisfactoria para ningunha das partes, incidiu en que non existe marxe legal para evitar a súa execución.

En relación co problema das augas pluviais e a canalización do regato procedente de Lourizán, sinalou que existen discrepancias técnicas entre o proxecto de Adif e a proposta municipal. Mentres o ente ferroviario prevé unha infraestrutura de maiores dimensións (un caixón de 4 por 1 metros), o Concello propón unha condución de menor diámetro.

Tras o encontro, acordouse que os equipos técnicos de Adif, Concello e Xunta traballen de forma conxunta para definir a mellor solución. Entre as alternativas expostas figuran, por unha banda, que Adif execute a infraestrutura principal ata a estrada PO-546 e o Concello complete a intervención na súa área de competencia; e, por outra, a posibilidade de autorizar provisionalmente ao Concello unha obra de emerxencia en todo o trazado, que sería substituída posteriormente pola solución definitiva.

Adif prevé iniciar as obras de soterramento unha vez aprobado o proxecto modificado, un trámite administrativo que podería prolongarse arredor de dez meses ao superar o 20 % do orzamento inicial.

Finalmente, a Subdelegación do Goberno anunciou a promoción dun encontro entre responsables de Adif e a asociación veciñal da zona, co obxectivo de informar directamente á cidadanía sobre as obrigas legais e os pasos previstos para resolver definitivamente o conflito no paso a nivel de Os Praceres.

Xuntanza para falar da situación nos Praceres    Subdelegación do Goberno

 

Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora