Fenosa pode soterrar "cando queira" a liña de alta tensión de Monte Porreiro

Pontevedra
29 de xaneiro 2018

Gas Natural Fenosa pode empezar as obras para soterrar a liña de alta tensión de Monte Porreiro "cando queiran". Así o asegurou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que desvelou que a empresa conta coa autorización necesaria desde hai un mes e medio

Barrio de Monte Porreiro Mónica Patxot

Gas Natural Fenosa pode empezar as obras para soterrar a liña de alta tensión de Monte Porreiro "cando queiran". Así o asegurou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que desvelou que a empresa conta coa autorización necesaria desde hai un mes e medio.

"Se non empezan é porque non queren", engadiu o edil do BNG, que saíu ao paso das recentes declaracións do PP, que afirmaba que as obras eran inminentes e que tan só restaba a concesión da licenza por parte do Concello.

Aínda que non quixo explicar as razóns polas que, segundo a súa opinión, Fenosa está a atrasar o inicio destes traballos, Raimundo González detallou o proceso administrativo que seguiu este asunto desde que o pasado 22 de xuño o proxecto fora visado polo colexio profesional.

Non foi ata tres meses despois, o 21 de setembro, cando esta intervención foi presentada no Concello de Pontevedra. O informe do xefe da oficina técnica municipal emitiuse o 18 de outubro e, o 20 de novembro, deron a súa autorización tanto a Consellería de Medio Ambiente como Augas de Galicia.

Tras constituír a fianza, Gas Natural Fenosa recibiu a autorización do Concello o 14 de decembro. Con este trámite, segundo González, a empresa xa pode comezar a soterrar toda a liña de alta tensión, desde a estación eléctrica ao final da urbanización de Monte Porreiro.

O portavoz do goberno municipal reitera que a empresa ten "vía libre" para acometer estes traballos, "outra cousa é que lle interese retrasalos". Aí circunscribe o Concello o recurso presentado por Fenosa á autorización municipal, igual a todas as que se outorgan ás obras que ocupan vía pública, e coa que a empresa parece non estar conforme.

En todo caso, Raimundo González lembrou que este soterramento é unha demanda histórica do barrio de Monte Porreiro e engadiu que os veciños non poden ser "responsables" de que Fenosa decida atrasar a obra "ata cando lles conveña".

LICENCIA EDIFICIO BENITO CORBAL

Ademais, nos "próximos días" o Concello outorgará licenza para a rehabilitación integral da antiga delegación da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal.

O portavoz municipal explicou que os servizos técnicos do Concello están a ultimar os trámites para a autorización. Explicou, en todo caso, que non se produciron atrasos na súa tramitación, xa que o proxecto presentouse na sede municipal hai dous meses.