Mercado ambulante na Alameda: "Ay, aprovechen hoy para comprar, que nos echan de aquí"

Pontevedra
15 de xullo 2023

Os feirantes volverán o vindeiro sábado á rúa Rafael Areses a falta de que o goberno local consensúe un lugar para a celebración do mercado ambulante de maneira definitiva. Durante esta xornada, os vendedores instalaron carteis de protesta e solicitaron sinaturas para reclamar a permanencia da feira na Alameda de forma habitual

Pancarta indicando que "no somos basura" en el último día da feira na Alameda PontevedraViva

Unha pancarta vermella na entrada da Alameda fai un chamamento ao alcalde de Pontevedra: "Lores escoita. Os Ambulantes estamos en loita. Ubicación definitiva: Alameda". A poucos metros, dous maniquís co letreiro "feirantes" sosteñen outra pancarta na que se reivindica o seu traballo: "no somos basura".

En cada posto, os vendedores convidan á clientela para asinar o documento en que se reclama ao goberno local a permanencia na Alameda. E é que este sábado será o último, polo menos este verán se non se producen novidades, en que permanezan nesta localización. O vindeiro sábado retornarán á rúa Rafael Areses, nas inmediacións ao Pazo da Cultura. 

Juan Carlos Tizón, portavoz da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, explica o motivo da campaña: "queremos as firmas porque o mercado en todas as cidades de España está no centro e Pontevedra é especial e non nos queren", laméntase ao referirse ao goberno local de Fernández Lores.

"Pagamos os nosos impostos como todo o mundo. Para pagar somos o número un, pero se nos dan unha localización como Rafael Areses onde estamos a perder diñeiro, non merece a pena", explica este representante dos vendedores.

Indica que detectan unha diferenza económica importante entre as dúas localizacións: "é como o día e a noite. Alí perdemos diñeiro e aquí dáche para pagar os impostos, aínda que só sexa para iso. O que queremos é vivir, non sobrevivir"

Sobre a proposta do alcalde de Pontevedra de buscar unha solución consensuada, Tizón expón: "O que nos preguntamos é: por que aquí non?". Asegura que están dispostos a trasladarse a outro espazo, xa sexa Campolongo ou outro que decidan, con motivo das festas da Peregrina ou outros actos similares, pero insisten en que "queremos que o definitivo sexa que quede aquí, na zona da Alameda".

Unha clienta achégase ao posto e asina o documento de apoio aos ambulantes. "Non é cousa só dos vendedores. É que o público tamén o demanda", afirma Tizón.

Moi preto, unha vendedora berra a súa clientela: "Ay, aprovechen hoy a comprar, que nos echan de aquí". Os feirantes recoñecen que aos seus potenciais compradores lles custa cruzar a ponte para achegarse ata a zona da Xunqueira. 

Ante esta situación, o colectivo de ambulantes advirte de que se a súa petición non é atendida polo goberno local iniciarán unha campaña máis intensa de protestas porque a súa idea se basea en que, en abril cando chegaron á Alameda, ían quedar de maneira permanente e defenderán esa proposta, impulsada pola entón concelleira responsable de Mercados, a socialista Yoya Blanco, ata as últimas consecuencias.