O Centro Príncipe Felipe, dependente da Deputación, xa dispón do olbigatorio Plan de Continxencia da COVID19 co que deben contar todos os centros educativos para o inicio do curso escolar 2020-21; e pendente unicamente da súa validación por parte do Servizo de Prevención da entidade Provincial.
O Plan regula entradas e saídas do recinto, transporte dos menores, visitas das familias, protocolos de limpeza e desinfección, medidas de proteccion, así como actuacións a aplicar no suposto de sospeitas ou casos positivos de coronavirus. Os 165 menores distribuiranse en unidades diferenciadas entre os que estean en réxime residencial e en centro de día.
Para as visitas de familiares realizarase unha enquisa clínica e epidemiolóxica previa; e unha vez no centro farase control de temperatura á única persoa que poderá acceder durante un tempo máximo dunha hora. As saídas dos menores aos seus fogares tamén requirirán da mesma enquisa, tanto á saída como ao regreso.
Manterase o procedemento para novos ingresos ou reingresos no centro de prevención, xunto a probas PCR con tres días de antelación ou illamento preventivo se non é posible. Así, engadiuse unha nova área, de forma que dispón dun espazo para casos sospeitosos e outro para confirmados que non requiran hospitalización. O servizo de comedor de ofrecerán dentro das unidades de convivencia, en lugar da sala de comedor existente.
A presidenta provincial, Carmela Silva, sinalaba que estas adaptacións "dannos a seguridade de que as cousas se están facendo como se debe e poder dar tranquilidade ás familias das e os menores".