O Nadal chega a Ribadumia con luces, chocolate quente e rosca

O Salnés
04 de decembro 2023

Unhas catrocentas persoas animáronse a participar no acto de inauguración da iluminación de Nadal en Ribadumia, que se celebrou na Praza do Concello. As luces, que se instalaron nas principais rúas e prazas da vila, estarán acendidas ata o día de Reis

Acto de acendido das luces de Nadal en Ribadumia en 2023 Concello de Ribadumia

Unhas catrocentas persoas animáronse a participar no acto de inauguración da iluminación de Nadal en Ribadumia, que se celebrou na Praza do Concello.

As luces, que se instalaron nas principais rúas e prazas da vila en colaboración coa asociación de comerciantes Ribadumia Agárdate, estarán acendidas ata o día de Reis.

O evento resultou ser todo un éxito, superando as expectativas do equipo de goberno. Así, despacháronse, en total, 50 litros de chocolate quente e 12 quilogramos de rosca, esgotando todas as existencias que había dispoñibles.

Ademais, cada persoa recibiu un ticket coa súa consumición para participar no sorteo de agasallos que o Concello de Ribadumia e os colaboradores quixeron repartir entre os asistentes. 

Había un total de 300 tickets que non chegaron para todas as persoas que asistiron á cita inaugural do Nadal.

O goberno local valora este éxito como unha mestura do traballo de todo o persoal municipal e de todos os colaboradores e colaboradoras, así como da confianza que a veciñanza volveu depositar unha vez máis no Concello para festexar estes días de Nadal.