O Pleno de Pontevedra estrearase en venres abordando unha modificación de crédito de 2,7 millóns

Pontevedra
31 de marzo 2017

Esta modificación financiarase con remanente líquido de tesourería do Concello e terá como inversión principal a adquisición dun inmoble na rúa Ferreiros para a resituación dos servizos municipais. Suporá o desembolso de 980.000 euros. O custe real do edificio é 1.150.000 euros, pero o resto da contía procederá da venda recente de dous locais 

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra Mónica Patxot

O pleno da corporación de Pontevedra do mes de abril celebrarase en venres en lugar do luns habitual. É precisamente a proposta que está sobre a mesa na negociación entre os grupos políticos para a aprobación dun novo regulamento para o funcionamento das sesións plenarias e todo apunta a que se aprobará, pero, neste caso, trátase dun cambio puntual motivado por cuestións varias como a Semana Santa que coincide a mediados de mes ou a necesidade de axustar os tempos para a aprobación dun cambio no cadro de persoal municipal

A sesión será finalmente o venres 7 de abril ás 11.00 horas no Teatro Principal. Non é o antepenúltimo venres do mes, tal e como se está a negociar, porque o que correspondería, o 14 de abril, é Venres Santo. De mantelo en luns, como é habitual ata agora, sería o 17 e xa non sería tampouco factible, de modo que todos os grupos políticos acordaron a data fixada finalmente

Nesta sesión do día 7 de abril un dos asuntos más destacados será o debate dun expediente de modificación de crédito por valor de 2.735.531 euros do que o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González aportou os detalles este venres.

Esta modificación financiarase con remanente líquido de tesourería do Concello e terá como inversión principal a adquisición dun inmoble na rúa Ferreiros para a resituación dos servizos municipais. Ten como obxectivo obter unha mellora substancial na atención dos cidadáns e suporá o desembolso de 980.000 euros. Ao respecto, Raimundo González explicou que o custe real do edificio é 1.150.000 euros, pero o resto da contía procederá da venda recente de dous locais situados en Valentín García Escudero.

Ademais, destinaranse 420.000 euros a dar un forte impulso da compostaxe coa construción de composteiros comunitarios, 400.000 euros a asumir o compromiso adquirido con Marea Pontevedra para a Renda Social Básica e 205.000 á adhesión ao plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia. 

Entre os proxectos que serán posibles con cargo a esta modificación de crédito están a renovación dos sistemas de comunicación interna dos servizos de Policía Local e Bombeiros (389.949 euros), financiar as obras de emerxencia acometidas recentemente no CITA (137.552) ou asumir os 68.509 euros que este ano deixou de aportar o Ministerio do Interior ao programa Noites Abertas ao non convocar a liña de subvencións habitual. 

NOVO REGULAMENTO DO PLENO

Este venres celebrouse a Comisión de Réxime Interior  e o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, entregou aos representantes dos distintos grupos a proposta do grupo de goberno sobre a modificación do regulamento do Pleno coa confanza de que se poida debatir na Xunta de Portavoces do próximo martes e na seguinte reunión desta comisión, pois a deste venres era extraordinaria e non se podía.

O grupo de goberno propón que as sesiones se celebren o antepenúltimo venres de cada mes e que en total se poidan levar un máximo de 10 iniciativas entre proposicións e mocións, que estarían repartidas  de igual forma entre os cinco grupos políticos con representación na corporación, isto é, dúas por grupo. 

En relación coas intervencións, propoñen que o grupo que propón a moción teña cinco minutos para presentala e que os demais teñan tres minutos cada un e a posibilidade dunha segunda ronda de intervencións cun máximo de tres minutos para quen a propón e dous para o resto. Nos rogos e preguntas, propoñen limitar a cinco minutos o tempo de cada grupo.