O PP califica de "parche" a reforma da Deputación na estrada entre Curro e A Portela

Barro
22 de abril 2021

Os populares piden que amplíen a plataforma e creen beirarrúas para garantir a seguridade dos peóns, nun vial polo que pasa o Camiño de Santiago

O PP califica de "parche" a reforma da Deputación na estrada entre Curro e A Portela PP provincial

O grupo provincial do Partido Popular defende que "os veciños de San Amaro, en Barro, merecen unha estrada segura, cun proxecto de mellora integral, e non o parche que fixo a Deputación de Pontevedra na EP-0508 entre Curro e A Portela".

Os deputados do PP, Jorge Cubela, Paz Lago e Javier Tourís visitaron o lugar, acompañados polos concelleiros locais, José Antonio Landín e José Suárez e varios veciños e comprobaron "o grave problema de seguridade vial que provoca unha estrada estreita e moi sinuosa para a convivencia de peóns e vehículos".

Os populares cren que as reclamacións da veciñanza de San Amaro son "xustas" e piden un proxecto integral para a EP-0508, coa ampliación da plataforma "pola que hai tramos na que non poden cruzar dous vehículos", a creación de beirarrúas "para poder camiñar con seguridade", así como a mellora do saneamento e do alumeado público.

O voceiro do grupo provincial na Deputación, Jorge Cubela, defende que "hai que investir con fundamento, e non ir a Barro e poñer un parche para xustificar que se fixo algo" e responsabiliza disto tanto á institución provincial como ao Concello de Barro "xa que o Goberno local debería ter defendido as reclamacións dos veciños".