Algo máis dun millón de euros é a débeda que, segundo o goberno municipal de Pontevedra, ten o Concello de Ponte Caldelas pola distribución de auga potable ao polígono da Reigosa.
Pontevedra denuncia que o municipio veciño, a pesar de que as empresas asentadas na súa área industrial pagan "relixiosamente" os seus recibos, "leva moito tempo sen pagarnos a auga".
Así o denunciou o portavoz municipal nesta cuestión, César Mosquera, que afirmou que Ponte Caldelas deixou de pagar desde o primeiro bimestre de 2021, acumulando desde entón unha débeda que ascende a 1.086.000 euros.
Para tratar de solucionar ese conflito, que lembra aos que Pontevedra mantivo no pasado con Marín ou Poio -xa resoltos-, o consistorio pontevedrés remitiu unha carta ao alcalde de Ponte Caldelas, dándolle dous meses de prazo para regularizar a situación.
Mosquera advertiu que, ao non ser subministración de auga para uso domiciliario, a situación é "diferente" á vivida coas débedas doutros municipios. A subministración ás casas "non se pode cortar", indicou, ao contrario de cando son empresas as afectadas.
"Agardemos que non haxa que chegar a solucións extremas", subliñou o concelleiro pontevedrés, que indicou que aínda que o goberno municipal "vontade non ten ningunha" de pechar a billa ás empresas da Reigosa podería facelo "por imperativo legal".
Se a auga que fornece ao polígono caldelán non se paga, resolvendo a falta de pagamento e evitando que o problema continúe no futuro, "temos a obriga de cortala", advertiu o edil porque, en caso contrario, "nos poden denunciar por defraudación de recursos públicos".
"NON IMOS PERMITIR QUE NOS ROUBEN DESTA MANEIRA"
Preguntado por PontevedraViva con respecto a esta disputa, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, sostivo que o convenio asinado no seu día con Pontevedra para a subministración de auga ao polígono da Reigosa foi "absolutamente ilegal".
Pontevedra, segundo explicou Díaz, obrigaba a Ponte Caldelas a cobrarlle un recibo ás empresas cada dous meses e a transferirlles todo ese diñeiro "cando resulta que a metade do gasto facíamolo nós", polo bombeo, o mantemento da rede ou o consumo enerxético.
"Se botamos a conta, probablemente sexa Pontevedra quen nos debe cartos a nós", afirmou o alcalde socialista, que considera que aquel convenio, caducado en 2020, tiña "ánimo de lucro" cando a auga servida "non é Pontevedra porque sae do Lérez".
Ademais, Andrés Díaz apuntou a certas "irregularidades" nos contadores que miden a auga transferida porque "sempre daban miles de litros máis que os medidores das empresas", sen que existan fugas nunha rede de abastecemento "que é nova".
Díaz advirte que "non imos permitir que nos rouben desta maneira" e esixe ao goberno pontevedrés que "non nos tomen por parvos". Asegura que Ponte Caldelas pagará "o que nos corresponda" e móstrase disposto a acudir aos tribunais.
Todo se podería resolver, engadiu, se ambas as dúas partes fan "borrón e conta nova", e negocian un convenio que sexa "xusto" tanto para Pontevedra como para Ponte Caldelas.