Pontevedra reclama ampliar O Campiño antes de 2026 para non "estrangular" a demanda de solo industrial

Pontevedra
06 de marzo 2023

Apenas trece parcelas sen ocupar quedan entre O Campiño e A Reigosa. Algunhas máis, dezanove, quedan no polígono de Barro. Pontevedra estima que, a medio prazo, a comarca deberá ampliar a súa oferta de chan industrial para seguir sendo competitiva. Así o sostén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que instou á Xunta de Galicia a impulsar a ampliación do polígono do Campiño

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Apenas trece parcelas sen ocupar quedan entre O Campiño e A Reigosa. Algunhas máis, dezanove, quedan no polígono de Barro. Pontevedra estima que, a medio prazo, a comarca deberá ampliar a súa oferta de chan industrial para seguir sendo competitiva.

Así o sostén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que instou á Xunta de Galicia a impulsar a ampliación do polígono do Campiño, unha actuación que o propio goberno galego incluíu en 2014 no plan sectorial de áreas empresarias de Galicia.

Xa figuraba no PXOM que aprobou no seu día o Concello, tombado por informes negativos da Xunta. E a propia Xestur, a sociedade que xestiona o chan industrial en Galicia, consideraba esta ampliación do polígono pontevedrés como "estratéxica", lembrou Fernández Lores.

O plan aprobado pola Xunta recollía que esta ampliación, que incorporaría a O Campiño máis de 342.000 metros cadrados entre o polígono actual e a antiga canteira de Marcón, executaríase entre os anos 2015 e 2024. Pero, a día de hoxe, non se tramitou nada.

Esta previsión para dotar á comarca de Pontevedra de máis chan industrial, segundo o alcalde de Pontevedra, é necesaria para "non estrangular" a demanda que poida existir no sector.

"Hai na cidade unha altísima actividade económica que non queremos que se free", apuntou o rexedor pontevedrés, que reitera que para logralo "é necesario que haxa máis terreos industriais" como as que ofertaría esta ampliación.

O Concello defende que esta actuación podería executarse por fases e a administración municipal colaboraría "no que se nos pida", fundamentalmente en ampliar as redes de abastecemento e saneamento que ha existen nesta área empresarial.

A este respecto, Miguel Anxo Fernández Lores demandou que esta ampliación se execute antes de 2026 e insistiu en que aumentar o tamaño do Campiño "é de sentido común" porque este xa conta con todos os servizos necesarios.

"É o momento de tomar decisións", subliñou Fernández Lores, que apunta que O Campiño e Fragamoreira (Poio) son as únicas áreas que contempla a Xunta para dotar de chan industrial á comarca, tras rexeitar propostas en Vilaboa, Marín ou a propia Pontevedra.