Pouco meigallo que sanar en San Cibrán

Pontevedra
02 de abril 2018

Este luns celebrouse a romaría con gran escaseza de visitantes en comparación con outros anos. Nesta ocasión, a ausencia dunha comisión de festas levou a que houbera escasos postos de venda en medio dun ambiente de decadencia

San Cibrán 2018 Mónica Patxot

Os Luns de Pascua cúmprese na parroquia pontevedresa de Tomeza coa tradición de San Cibrán, o santo que elimina o mal de ollo. Pero este ano, a romaría mostrou unha imaxe decadente. Só se celebraron actos relixiosos e apenas se sumaron postos de venda de produtos típicos nos arredores da ermida, tampouco houbo charangas nin orquestras nin carpas para degustar o polbo. 

A ausencia dunha comisión de festas provocou que só un centenar de fieis se achegara ata esta zona para espantar o "meigallo". O párroco acompañado por un músico cunha guitarra levou a cabo a eucaristía no exterior da capela para, a continuación, celebrar a procesión.

Nesta ocasión, o paso debaixo da figura do santo facíase dentro do templo e tamén se vendían no interior as herbas que, segundo a tradición, son necesarias para conxurarse contra a mala sorte.

Algúns dos fieis que asistiron á celebración si cumpriron co lanzamento das pedras por encima do tellado do santuario á vez que se dan nove voltas.