O Concello de Pontevedra tomou a decisión de cortar ao tráfico con "carácter permanente e indefinido" a Avenida Raíña Vitoria para dar un maior servizo ao IES Sánchez Cantón.
Trátase dunha medida pensada para favorecer as medidas de control ante a COVID-19, e que se adopta "pola experiencia que nos dan as Festas", explicou este sábado en rolda de prensa o concelleiro de mobilidade, César Mosquera, acompañado do edil responsable do espazo público, Demetrio Gómez.
Precisamente o corte ao tráfico rodado, que se fará efectivo a próxima semana coincidindo co inicio de curso no ensino secundario, afectará o traxecto que xa viña cortando nos últimos anos para a instalación das atraccións das Festas da Peregrina, é dicir, entre a entrada do aparcadoiro de Alameda ata a rúa Palamios.
"Levamos un tempo seguindo como está funcionando e que pode facer o Concello con respecto á Covid, en particular en relación aos centros escolares, e non se está botando man dun recurso que pode axudar moitísimo nas entradas, saídas e recreos a que se cumpran as distancias e os protocolos sexan máis áxiles", sinalou Mosquera lembrando que "iso é competencia exclusiva dos concellos".
A pesar de valoralo, o goberno local renunciou a opción de realizar cortes puntuais en franxas horarias dada a complexidade do operativo que supoñería para levalo a cabo e porque a citada experiencia nas festas da cidade reforzaba a idea de que era posible facer o corte permanente, polo menos mentres siga activa a pandemia.
O Sánchez Cantón será o primeiro centro que se verá beneficiado dun maior espazo público nas súas inmediacións, pero podería non ser o único porque o ofrecemento do Concello "estenderase a todos os colexios que teñan estas necesidades", confirmou o responsable municipal de mobilidade, aínda que cada caso requirirá dun estudo previo para comprobar se é posible levalo a cabo sen provocar problemas de circulación na cidade.