O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, presentaron este xoves a programación de Nadal.
A Alameda de Talo Río será, un ano máis, o corazón das celebracións, cunha carpa renovada e máis confortable que acollerá boa parte das actividades previstas.
O sábado 6 de decembro terá lugar o agardado acendido das luces. Este ano, a iluminación contará coa colaboración da Asociación Bicos de Papel e virá acompañada dun abano de propostas que inclúe o espectáculo de rúa de Troula, a música da Orquestra de Camarote Band, o Mercado de Nadal organizado polas ANPAS e unha chea de obradoiros para todas as idades.
A música e o ambiente festivo tamén serán protagonistas na gran Festa de Fin de Ano, que volverá reunir á veciñanza ao ritmo do Trío Tic Toc e Yaya DJ.
E, como non podía faltar, os Reis Magos percorrerán Soutomaior na tradicional cabalgata do 5 de xaneiro, unha das citas máis emotivas do calendario.
Baixo o lema "Vivir o Nadal en Soutomaior", o Concello aposta de novo por dinamizar o comercio local con campañas como "Nadal no peto", que sorteará 1.500 euros en premios entre persoas que realicen compras superiores a 20 euros en establecementos do municipio entre o 5 de decembro e o 7 de xaneiro. A iniciativa complétase con accións como "Adobiar o local", para dar beleza ás rúas, e "Colabora coa San Silvestre", que chama á implicación das empresas locais nesta carreira popular, prevista para o sábado 27 de decembro, cun período de inscricións aberto do 10 ao 21.
O espírito solidario e sustentable tamén terá o seu espazo co II Mercado de Oportunidades e de Segunda Man, pensado para promover a reutilización e o consumo responsable.
A diversidade cultural estará presente a través da convivencia de figuras tan variadas como o Apalpador, o Grinch, Papá Noel ou a Carteira Real, e co protagonismo da Cabalgata de Reis, que unirá tradición, fantasía e participación veciñal. Tamén haberá espazo para o tecido asociativo, co Concurso de Doces de Nadal en colaboración coas asociacións do municipio.
O programa inclúe espectáculos musicais, teatrais, concertos e obradoiros pensados para públicos de todas as idades. Soutomaior busca, ademais, reforzar as relacións interxeneracionais con actividades que reunirán a nenos e maiores en momentos de convivencia e agasallo mutuo.
O 13 de decembro celebrarase o I Encontro Inclusivo, que reunirá entidades como Celta Integra, Amicos, Asdivalu, Contaz e Andaina, ademais de ofrecer actividades accesibles que visibilicen as distintas capacidades das persoas. E para as persoas maiores de 65 anos, volverá o tradicional Baile de Nadal cunha velada chea de alegría, cotillón e unha imprescindible chocolatada.
Pensando nas familias, os campamentos Concilia desenvolveranse do 22 ao 31 de decembro no Centro de Benestar Integrado, con inscricións abertas ata o 2 de decembro ás 14.00 horas. A programación complétase con sesións vermú e tardeo musical, con actuacións de "Algo pasa con Mey", "Demasiadas Luces y Pocas Sombras", "Desconcerto" e o espectáculo irreverente "Peter Punk. Nadal chungo que te cagas".
Con todos estes ingredientes, Soutomaior prepara un Nadal cheo de vida, diversidade e participación, no que a veciñanza será a auténtica protagonista.