Veciños de Ponte Boleira opóñense á "inadmisible" instalación dun composteiro fronte a un edificio

Pontevedra
31 de marzo 2018

Os residentes no edificio Azorín amósanse "favorables" á compostaxe, pero consideran "moi desafortunada" a ubicación deste composteiro pola súa proximidade ao portal número 3 e porque as obras comezaron "sen información previa aos veciños" 

Obras de instalación do composteiro comunitario da rúa Ponte Boleira diante do edificio Azorín PontevedraViva

A tensión veciñal derivada das ubicacións elixidas para a instalación de composteiros comunitarios en distintos puntos de Pontevedra segue a medrar. Solventadas as discrepancias xeradas arredor deste servizon o barrio de Monte Porreiro, nas últimas semanas xurdiron dúas posturas enfrontadas na contorna de Eduardo Pondal, con veciños partidarios e detractores da súa instalación. Agora acaba de xerarse un movimento contrario na rúa Ponte Boleira, onde unha empresa leva varios días traballando para preparar o espazo. 

O composteiro comunitario que se está a instalar en Ponte Boleira é un dos tres proxectados para este barrio da cidade, xunto aos das rúas Eduardo Pondal e Camiño de Ferro. Neste caso, os veciños que elevan a voz en contra da súa instalación son os residentes no edifcio Azorín, que se amosan "favorables" á compostaxe, pero consideran "moi desafortunada e inadmisible" a ubicación deste composteiro pola súa proximidade ao portal número 3 do edificio, entre esta construcción e o parque do río dos Gafos. 

A comunidade de propietarios deste edificio con varios portais manifesta a súa "disconformidade e oposición" á instalación no lugar elixido e tamén a súa queixa porque "non foi advertida en ningún momento polo Concello de Pontevedra da colocación deste composteiro".

"Consideramos que, dada a proximidade ao edificio que ocupamos, debiamos ser informados e consultados previamente, co gallo de expoñer a nosa posición ao respecto", insisten os veciños a través dun comunicado asinado pola presidenta da comunidade de propietarios en nome de todos os veciños.

Esta comunidade insiste na súa oposición firme á ubicación elixida polo Concello "sen información previa aos veciños" e anuncia a solicitude dunha reunión urxente coa concelleira de Servizos, Carmen da Silva, "para decidir conxuntamente o mellor emprazamento para o composteiro que dea servizo tanto ós veciños do noso edificio coma ó conxunto de veciños do Gorgullón".

Os veciños propoñen que o composteiro se sitúe nun punto máis afastado das propiedades habitadas "polos evidentes riscos e prexuízos" que supón a súa ubicación tan preto do edificio. Relatan, entre outros, a proliferación de insectos e roedores, cheiros desagradables, desvalorización das  propiedades e feísmo urbanístico ao situarse na entrada ao paseo do río Gafos.