Ana López
Do cruasán ao iphone
Leo no Facebook dun antigo compañeiro de estudos que a Facultade de Ciencias Sociais vai celebrar os seus primeiros vinte anos. Uns días despois atopo a Daniel Martí, un dos meus profesores na escola, que me informa sobre parte dos actos que van ter lugar con motivo desta efemérides. E tan só unhas horas máis tarde unha das miñas amigas da universidade me di polo WhatsApp que outra das nosas compañeiras vai participar nunha charla sobre a súa traxectoria profesional. Está claro que os astros se dispuxeron de tal xeito que non me queda outra que acudir a un evento que fai un pouquiño máis visible a historia de Pontevedra.
Chego con algúns minutos de retraso e o ruido dos meus tacóns ao baixar polas escaleiras do salón de actos fai xirar algunhas cabezas. Síntome maior, como a mestra que se fai notar cando se achega polo corredor cara a súa clase chea de nenos en pleno rebumbio. Vanesa está a piques de subir ao escenario co resto dos conferenciantes. ÿ evidente que está nerviosa, pero pesan máis os anos de experiencia e a súa intervención resulta perfecta aos nosos ollos.
Pasaron quince anos e medio dende que deixamos a facultade, catro anos de estudos que transcorreron nunha histórica construcción na rúa Serra pola que antes pasaran os alumnos de Belas Artes e que antigamente albergara o Fogar Provincial.
Daquela a internet era unha asignatura que se abría camiño nos plans de estudo, dabamos as clases de fotografía con cámaras de carrete e as exposicións de traballos nas aulas facíanse con transparencias. Non podiamos imaxinar que co auxe das novas tecnoloxías as redes sociais dominarían as nosas vidas as privadas tamén porque, por non ter, non tiñamos nin teléfono móbil.
Agora miro ao meu redor e vexo a un montón de mozos conectados aos seus smartphone, iphones e tablets. Están a contar ao minuto o que está a suceder. Aproveito e tamén eu colgo unha foto no Facebook, que non se diga que os da segunda promoción non nos subimos ao tren da modernidade.
Despois dunha visita ao baño no que descubro con certo alivio que por moitos anos que pasen os alumnos seguen a facer pintadas para a posteridade nas paredes e portas, abandonamos a moderna facultade. Á outra beira do río ninguén pasa frío e lonxe quedan aqueles tempos nos que un cento de rapaces soportabamos as clases coas bufandas e os abrigos postos; iso si, cos pés ben quentes polo sistema de calefacción con chan radiante.
De volta a casa, e ao pasar polo vello emprazamento do que agora goza o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra o mesmo no que nós celebramos as primeiras edicións da festa universitaria Santa Kata¬, faltounos mercar un cruasán no forno da panadería Abilleira, aquela na que cada mañá sucumbía o noso lado máis lambón. Morriña; foi morriña pura.