Ana López
Ser celíaco: unha putada (económica)
Coñezo a varias persoas celíacas, tanto adultas como nenos. Sempre escoitara dicir aos primeiros que o tema lles saía por un ollo da cara, pero non foi ata onte, cando me puxen a facer contas cunha amiga, nai dun rapaz de cinco anos con celiaquismo, que souben con cifras exactas ata onde chega a bromiña da intolerancia ao gluten. Despois de coñecer os abusos aos que estas familias están sometidas, comprendín por que recibira estes días unha petición de firma en change.org –baixo o lema ‘La alimentación no es un lujo’– na que se pide ao Goberno que facilite a compra deste tipo de produtos.
Ser celíaco é unha gran putada, pero unha putada económica das gordas. Se un kilo de fariña de trigo normal custa unha media de sesenta céntimos, a apta para celíacos é de cinco euros. O mesmo pasa coa pasta: un kilo de macarróns que pode valer setenta céntimos ascende ata os cinco no caso do que está libre de gluten.
A miña amiga (Mati) e máis eu decidimos que ela faga dúas compras nun supermercado de Pontevedra mercando o mesmo tipo de produtos con e sen gluten e que me amose os dous tickets. A diferencia é abismal. Ela mesma recoñece que está abraiada: “Sabía que eran bastante máis caros, pero é a saúde do meu fillo a que está en risco, así que nunca antes me parara a calcular á vez os prezos e os gramos”. E di isto último porque se os artículos sen gluten que mercou xa son máis caros en termos absolutos, se aínda por riba atendemos ao seu peso, a cousa se dispara escandalosamente: os tres kilos e medio de produtos tradicionais que lle custaron 8,78 euros (galletas, pasta, pan tostado….) non chegan a dous kilos nos seus equivalentes aptos para celíacos, que, pola contra, supoñen case 17 euros de gasto. “É que non quero imaxinar o que nos vai custar isto canto o neno creza e xa coma coma un adulto…”, dime Mati, e ambas pensamos nese intres nas familias con menos recursos e nos riscos de saúde, a curto e longo prazo, aos que expoñen aos seus fillos e maiores obviando as recomendacións desta dieta tan específica.
Está claro que se se calcula que hai medio millón de persoas en España con celiaquía, non todas estarán a pasar por unha situación económica desafogada, así que a petición na internet por unha alimentación xusta ten máis que razón de ser. Como moi acertamente din eles, a súa comida é a súa menciña. A etiqueta #quenopare, que xa utilizan nas redes sociais, non podería estar máis xustificada.